Córdoba

abril 22, 2011 deviaxe 0 Comments

17 de abril de 2011
O principal atractivo de Córdoba é a súa mesquita, unha obra que hoxe é excepcional por ser o mellor exemplo de arquitectura relixiosa musulmá que se conserva en España, pero que foi revolucionaria xa na súa época porque non se fixera nunca unha mesquita igual no mundo árabe.
No ano 784 Abderramán I mercou unha basílica visigoda coa fin de construir no sitio un lugar de oración para a crecente comunidade musulmá da cidade. Pretendía recrear un oasis de palmeiras no deserto, e os seus arquitectos lograron facer un edificio de grande beleza e harmonía. Na súa construción se utilizaron columnas e capiteis procedentes de edificios romanos e visigodos. Durante os séculos IX e X outros califas ampliaron e embeleceron a mesquita, respetando a estructura orixinal de columnas e arcos dobres que parecen repetirse ata o infinito.
No ano 1236 Córdoba foi conquistada por Fernando III o Santo, e a mesquita foi consagrada como basílica, aínda que se respectou a súa integridade arquitectónica. Durante 300 anos os reis de Castela respectaron a obra mestra dos musulmáns, pero no século XVI a xerarquía católica cordobesa pretendeu incrustar unha grande catedral no interior da mesquita. Esta intención creou tal conflito entre os cristiáns que o correxidor da cidade publicou un bando no que ameazaba de morte aos traballadores e artesáns que participaran na destrucción da mesquita, polo que foi excomulgado polo bispado cordobés.
Finalmente o emperador Carlos V terciou no asunto en favor da igrexa, pero cando un ano despois visitou as obras, arrepentido dixo “se soubera o que era isto, nunca o tería permitido, facer o que hai en todas partes e destruir o que era único no mundo”
O resultado é unha aberración molesta e estridente pero que non impide desfrutar da beleza da mesquita orixinal. Tanto é así, que é a segunda vez que a visitamos e seguro que haberá mais.
Córdoba posúe ademais outros elementos de interese, como a xudería coas súas brancas e estreitas rúas cheas de colorido e negocios volcados cara o turismo.
É típico de moitas casas que as portas abertas ensinen os frescos e ben coidados patios interiores.
A lista de atractivos da cidade inclúe uns baños árabes, restos de un templo romano, unha sinagoga do século XIV, unha preciosa igrexa mudéjar, unha grande ponte de orixe romana que cruza o Guadalquivir, e se completa co Alcázar dos Reis cristianos, palacio fortificado con grandes xardíns e unha destacada historia.

17 de abril de 2011 O principal atractivo de Córdoba é a súa mesquita, unha obra que hoxe é excepcional por ser o mellor exemplo de arquite...

0 comentarios: