Unha casiña no lago

14 de agosto de 2011

O castor é un animal tan emblemático das Montañas Rochosas que os Parques Nacionais de Canadá o escolleron como logotipo. Por iso tiñamos a idea de que sería relativamente fácil velo neste entorno. Durante estas semanas buscamos a súa presencia nalgúns lagos e ríos, seguindo a información que tiñamos sobre o tema, pero ata hoxe non tivemos éxito. Camiño de Edmonton decidimos parar en Jasper, onde xa estivéramos ao principio da nosa viaxe, para facer un último intento de ver castores antes de marchar para o este do país.

Finalmente os castores se deixaron ver en Cottonwood Slough, unha zona de pequenos lagos cerca da vila de Jasper. Con troncos e ramas represan o río para facer un lago, onde constrúen un illote-refuxio cunha madrigueira no interior á que só se accede baixo a auga, e desde a protección do refuxio saen a comer ramas e follas de árbores do entorno do lago. 
Pasamos un bo rato observando os movementos de dous castores, nadando e mergullándose na auga e cortando ramiñas de salgueiro para comer e levar para a madrigueira.




Comentarios