Yellowstone II: Pedra Amarela

30 de xullo de 2011

O río Yellowstone forma un canón de mais de 30 km a través dunha rocha volcánica de tonos brancos, amarelos e vermellos chamada riolita. A cor predominante é o amarelo, o que da significado ao topónimo. Esta rocha xa era coñecida para nós porque estaba presente nalgunhas das paisaxes mais coridas de Islandia. A riolita é branda e facilmente erosionable, as ladeiras que forma son inestables e a vexetación non se asenta nelas.


 O canón inclúe dúas altas e caudalosas fervenzas que engaden espectacularidade á escena. Pasamos gran parte do día visitando esta paisaxe desde numerosos miradores situados preto da estrada que bordea o canón.


 Tamén tivemos a oportunidade de avistar outro dos mamíferos abundantes no parque: o coyote.


Yellowstone I: O Serengueti americano

29 de xullo de 2011

En 1872 Yellowstone convertiuse no primeiro Parque Nacional do mundo, situado na súa maioría no estado de Wyoming. Nós levamos aquí un día e só visitamos unha pequena parte, pero xa estamos impresionados.
As singulares terrazas de travertino de Mammoth Hot Springs fórmanse cando auga quentada por procesos volcánicos atravesa rocha caliza no seu ascenso, diluindo o carbonato cálcico que precipita na superficie en forma de travertino branco. Éste queda coloreado por bacterias e algas que viven na auga quente, e volve a ser branco e se descompón cando a auga deixa de manar nunha determinada zona.



 Os manantiais quentes cambian con frecuencia de ubicación, secando nuns sitios e aparecendo noutros novos. Cando xurde unha nova fonte, as árbores que había nese lugar morren polos minerais que leva a auga e os seus troncos quedan na paisaxe durante décadas, no medio das terrazas de travertino que se van formando.



 Xa ao atardecer fomos a Lamar Valley, coñecido como o Serengueti americano pola súa paisaxe e fauna. Son abundantes na zona lobos, coyotes, cervos, bisontes, osos e antílopes. Vimos moitas manadas de bisontes pacendo nas pradeiras do val, nunha estampa típica de documental.



 Esta sensación de estar na sabana africana fortaleceuse ao ver uns antílopes correndo nunha colina.


 Non tivemos a sorte de ver lobos, pero si o noso séptimo oso a uns 100 metros de distancia.

Dous osos nun só día

26 de xullo de 2011

Nos desplazamos cara o sur para chegar ao Parque Nacional de Waterton Lakes, na fronteira cos Estados Unidos. Pasamos aquí un só día, no que vimos dous osos á beira da estrada e un pequeno barranco de cor vermella.
Cando conducíamos cara o Red Canyon, outro atasco na estrada nos fixo sospeitar da presencia dalgún animal salvaxe na beira. Efectivamente, pronto vimos a silueta dun oso de cor negra, comendo tranquilamente no prado, alleo á expectación que causaba. Era a primeira vez que podíamos observar un oso con certa calma, pois os tres anteriores os vimos mais fugazmente e co coche en marcha.


 Continuamos ata o canón, no que predominaban rochas vermellas intercaladas con brancas e verdes.


 Despois de comer, tomamos o camiño que conduce á fronteira para entrar en Estados Unidos. Pouco antes de chegar alí vimos un oso de cor marrón, outra vez ao borde da estrada. Nas montañas rochosas hai dúas especies de osos, os osos negros e os osos grizzlies. A cor non é unha característica diferenciadora, pois os osos negros poden ser marróns e os grizzlies ser case negros. Hai que fixarse en detalles como o tamaño das garras e das orellas, a forma do fuciño e a presencia ou non de xoroba. A nós non nos quedou claro de que especie eran os osos que vimos hoxe.


Finalmente cruzamos a fronteira sen maior problema e só nos confiscaron tres laranxas. Agora estamos no Parque Nacional de Glacier, no estado de Montana. O noso contrato de internet non é válido para Estados Unidos, polo que mentras estemos neste país publicaremos no blog cando atopemos algunha wifi gratuita.

Avalanchas e porcoespiños

24 de xullo de 2011

Un inoportuno desprendemento de pedra e o conseguinte corte da estrada levou por diante a valiosísima reserva que tiñamos para a visita guiada a Burgess Shale, un dos xacementos de fósiles mais importantes e impresionantes do mundo. As circunstancias impuxeron un cambio de plan que nos levou a Paradise Valley.
Repetindo o clásico canadiense de bosque, lago e montaña nevada, o Val do Paraíso sorprendeunos coas súas particularidades.
A primeira foi escoitar o estruendo das avalanchas de neve que se sucedían na parte alta das montañas que tiñamos de frente. A pesar da lixeireza coa que parecía caer a neve, o ruido que facía retumbaba en todo o val como o trono dunha tormenta.


As zonas nas que as avalanchas son mais grandes e frecuentes se recoñecen facilmente nas ladeiras das montañas porque as árbores non teñen oportunidade de medrar.


O destino da nosa ruta era ver uns saltos de auga chamados Giant's Steps, onde o bosque conquista pouco a pouco unha amplia superficie de cuarcita pulida polos glaciares fai miles de anos.


Un estrano animal apareceu no noso camiño de regreso. Unha masa de pinchos de uns 60 cm de longo, mais a cola,  apartouse para deixarnos paso. Era un porcoespiño norteamericano, moi distinto do europeo.


A vida despois da neve

23 de xullo de 2011


Nos altos prados alpinos de Sunshine Meadows a neve domina 9 meses ao ano. Cada ano caen por término medio uns 7 m de neve. O verán non chega nunca e a vexetación só dispón dunha primavera corta para medrar antes do seguinte inverno. Hoxe o día era tan frío que a chuvia que nos caeu era neve un pouco mais arriba.
Aínda así paga a pena subir ata este lugar para disfrutar da paisaxe. Os prados están cheos de flores e de esquíos que cavan madrigueiras baixo a terra. O atractivo da visita se completa con tres pequenos lagos, bosquetes de alerces e boas vistas de picos remotos das Montañas Rochosas.




Pola mañá, de camiño a Sunshine Meadows, atopamos un atasco na estrada que cruza o bosque debido á presencia de cabras salvaxes ao borde da calzada.

Sopa e chocolate no alto da montaña

21 de xullo de 2011

Hoxe combinamos dúas rutas para percorrer uns 20 km nas montañas que rodean Lake Louise, un dos lugares mais turísticos das Montañas Rochosas. Cada unha destas rutas se coroa nunha tea-house, antiguos albergues de montaña reconvertidos en casas de té, ás que só é posible chegar a pé ou a cabalo.
Despois de ascender 400 metros de desnivel en 6 km chegamos a Lake Agnes, onde está a primeira casa de té. Como non nos gusta o té, nós tomamos unha sopa.


Este é Lake Agnes coa tea-house ao fondo.


Continuamos subindo ata chegar á cima do Big Beehive, cunhas bonitas vistas do Lake Louise.


Logo nos encamiñamos cara a chan dos seis glaciares, onde está a segunda tea-house. Como non nos gusta o té, aquí tomamos un chocolate e uns doces.


Este pequenos glaciares que se ven hoxe foron moito mais grandes non hai tanto tempo. A acumulación alargada de pedra e grava que se ve no centro da foto é unha das morrenas que atestiguan ata onde chegaron os glaciares durante a Pequena Idade do Xeo, un enfriamento do clima que tivo lugar entre os séculos XIV e XIX.

Unha estrada espectacular

18 e 19 de xullo de 2011

Din os canadienses que a estrada Hwy93, que vai de Jasper a Lake Louise, é a mais bonita do mundo. Son 230 km de boa calzada que comunican os parques nacionais de Jasper e Banff. Nos botamos dous dias facendo o camiño con calma e parando en multitude de puntos de interese que hai na estrada. A estrada coñécese como Icefields Parkway, que significa "paseo dos glaciares" porque desde ela pódense ver moitos glaciares, sendo a maioría linguas que baixan do Columbia Icefield, o glaciar mais grande de Norteamérica fora das zonas polares. Desde a estrada é moi fácil acceder ao glaciar Athabasca.


A mediados do século XIX o glaciar chegaba ata donde agora está o párking, co que se pode ver con claridade o retroceso que están experimentando os glaciares desde hai 150 anos. Ademais no camiño que leva desde o párking ata o glaciar hai sinais que van marcando cal era o seu extremo en distintos anos, evidenciando un retroceso moito mais acusado desde a década dos 60.


Son moi claras as estrías feitas polo glaciar sobre o chan rochoso no seu avance cara o val.


Tamén paramos no lago Peyton, que ten unha cor turquesa propia de moitos lagos da zona, debida a presencia de sedimentos moi finos de orixe glaciar.


Outra parada foi para ver as cascadas do río Athabasca.



Skyline Trail

16 e 17 de xullo de 2011


Durante estes dous dias camiñamos polas paisaxes de alta montaña que percorre o Skyline Trail, unha das rutas de senderismo mais afamadas de Canadá. A maioría dos 45 km do seu percorrido van por encima da altitude a partir da que non crecen árbores. Completamos esta distancia en dous dias, pero os últimos kilómetros se nos fixeron duros pola fatiga.


Ao longo do camiño existen determinados sitios autorizados para acampar, que consisten básicamente en pequenas parcelas onde montar a tenda. O noso lugar de acampada estaba nun pequeno bosque entre lagos e cascadas.


Para evitar problemas cos animais salvaxes que habitan na zona é necesario colgar a comida duns tendais instalados polos servicios do Parque Nacional. Poñer a comida fora do alcance de osos, cervos e outra fauna salvaxe é unha das moitas normas de obrigado cumprimento nestes parques de Canadá, e se lle recorda aos visitantes en repetidas ocasións.


A medida que se sube en altitude o bosque deixa lugar aos prados de alta montaña e estes dan paso a unha paisaxe rochosa. Encontramos bastante neve, que ocupaba algúns tramos do camiño.



Ao longo da ruta se suceden bonitas vistas de cadenas montañosas, picos, vales de rios e lagos de alta montaña.

Os cinco lagos

15 de xullo de 2011


Un pequeno paseo nos levou a beira de 5 pequenos lagos moi próximos entre si, unha típica estampa canadiense de coloridos lagos entre bosques verdes con montañas nevadas de fondo.


Non tivemos a sorte de poder ver castores no seu medio, que era un dos atractivos da ruta, pero unhas árbores inconfundiblemente roidas nos indicaron a súa presencia.

O glaciar do anxo

14 de xullo de 2011

A ruta de hoxe levounos ao conxunto de pequenos glaciares da montaña Edith Cavell. A montaña toma o nome dunha enfermeira británica que foi fusilada por axudar a escapar a soldados aliados na I Guerra Mundial.
Os dous glaciares eran un só ata os anos 50, momento no que o aumento da temperatura acabou por divilo en dous. A parte inferior chámase Cavell Glacier, e a parte superior Angel Glacier, porque a súa forma recorda a un anxo coas alas estendidas. Ao pe do glaciar formouse unha lagoa con icebergs que se desprenden del.
 



Durante a subida disfrutamos de estupendas vistas da montaña, dos glaciares, do bosque e do val.
 

Esquíos e marmotas abundan neste lugar, e acompañan sen timidez as persoas que camiñan polo sendeiro.