Paisaxes cacereñas

 17- 20 DE MAIO DE 2012  

Aproveitamos a ponte do 17 de maio para coñecer algúns espazos naturais e cidades de interese na provincia de Cáceres. No camiño de ida desviámonos un pouco para subir ata a Peña de Francia, situada nunha serra do Sistema Central que ten certo interese xeolóxico pola presencia dalgúns fósiles e varios sinclinais colgados facilmente recoñecibles ao verse con claridade como a parte cóncava dun pregamento quedou por erosión na parte superior do relevo.


Preto está o pequeno pobo de La Alberca, moi turístico e con moitas rúas e casas cunha arquitectura tradicional ben conservada.


Pasamos a mañá seguinte no monumento natural de Los Barruecos, que debe a súa importancia ás formas creadas pola erosión sobre o granito e tamén á numerosa colonia de cegoñas e outras aves que aniñan no lugar.


Dentro deste espazo natural está o singular museo de arte contemporáneo Vostell-Malpartida, que ocupa un antigo lavadeiro de lá do século XVIII  e foi creado polo artista alemán Wolf Vostell en 1976 para albergar á súa obra e a de outros artistas. Unha das obras máis emblemáticas, situada no exterior do edificio e ocupada polas cegoñas, é un tótem construído cun caza ruso Mig-21 e coches da marca Seat.



O plan para a tarde era visitar a cidade de Cáceres, pero coincidimos coa celebración do festival de música Womad e as rúas e prazas do casco antigo estaban cheas de xente, escenarios e postos ambulantes, polo que nos limitamos a dar un paseo pola cidade e a ver a sección de arqueoloxía do Museo. Nel pódese admirar, entre outras cousas,  unha impresionante colección de estelas decoradas duns 5000 anos de idade e o alxibe do antigo alcázar almohade.



O prato forte da viaxe era a visita guiada en 4x4 ao Parque Nacional de Monfragüe. Os guías da empresa Monfragüe Vivo explicáronnos con gran detalle as características ecolóxicas e socioculturais do parque e das dehesas extremeñas, ademais de observar con telescopios voitres negros e leonados, aguias imperiais, alimoches, cigoñas negras, aguias cobreiras, milanos, ... Impresionounos o porte e a pose das aguias imperiais, semellante a que se vé en numerosos escudos, e tamén as cegoñas negras, especie pouco abundante en comparación cos seus parentes de cor branco.





Rematamos o día na monumental vila de Trujillo, que encerra dentro da muralla medieval un casco histórico moi ben conservado, con grande variedade de edificios civiles, militares e relixiosos de diferentes períodos históricos.



O castelo foi construido na época do califato omeya, a finais do século IX, con modificacións posteriores tanto musulmás como cristiás.


O mais destacado da arquitectura da vila é o gran número de casas fortificadas medievais e palacios renacentistas, algúns con curiosas chimeneas.





A viaxe rematou coa visita a cidade romana de Cáparra, atravesada pola Vía da Prata e que ten como elemento máis emblemático un arco monumental cunha estructura de catro pilares pouco frecuente. Como case todos os asentamentos romanos, contaba con termas públicas das que se conserva a estructura do subsolo, depósitos de auga e caldeiras.


 17- 20 DE MAIO DE 2012   Aproveitamos a ponte do 17 de maio para coñecer algúns espazos naturais e cidades de interese na provinci...

0 comentarios: