Big Island (I): A illa grande

29, 30 E 31 DE XULLO DE 2012  

A última etapa da nosa viaxe comeza aterrando na illa de Hawai'i, tamén coñecida como Big Island para evitar confusións co nome do arquipélago. Esta illa é máis do dobre de grande que todas as outras  xuntas porque o seu vulcanismo está moi activo e todavía está crecendo, a diferencia do resto de illas nas que desapareceu a actividade volcánica e só traballan as forzas erosivas. Big Island é ademáis moi xoven pois ten só medio millón de anos de antigüedade (hai fósiles humanos en Atapuerca co dobre de idade). O noso principal obxectivo nesta illa é visitar o Parque Nacional dos Volcáns, onde con sorte poderemos ver lava fluindo na ladeira dun volcán.
Pero a illa tamén ten outros puntos de interese que visitamos camiño do Parque Nacional. Así, detivémonos en Puako, onde hai uns petróglifos feitos polos colonizadores polinesios sobre rocha volcánica entre os séculos X e XVI.


A pesar de ser relativamente recentes, estes gravados pertencen a unha cultura que aínda estaba na prehistoria.
Fúmonos movendo pola costa este, onde chove uns 5000 mm anuais por metro cadrado. A vexetación é exhuberante e a abundancia de auga alimenta espectaculares fervenzas como Akaka Falls.


O bosque autóctono de Hawaii perdeu moita extensión pola agricultura e a gandería, ademáis de verse moi perxudicado pola introducción de especies alleas. Pero nalgunhas partes consérvase o bosque orixinal case sen alterar. A principal especie que define este bosque chámase 'ohi'a lehua (Metrosideros polymorpha), unha árbore que non chega a ser moi grande pero que está perfectamente adaptada á gran variedade de condicións ambientais destas illas. Por exemplo, é a primeira árbore que se asenta nun campo de lava recente, antes que liques, musgos ou herbas. A primeira vista destacan del as súas bonitas flores vermellas das que se alimentan varias especies de paxaros endémicas de Hawaii.



Nos bosques húmidos os 'ohi'a lehua albergan baixo as súas copas fentos arbóreos (Cibotium glaucum) de varios metros de altura, ademáis doutras especies.


A cima máis alta de Big Island é Mauna Kea, un dos volcáns que contribuiu á súa formación. Elévase 4000 m sobre o nivel do mar, pero debaixo da auga a súa ladeira continúa ata 6000 metros de profundidade, polo que é a montaña máis alta da Terra. É un dos mellores lugares do planeta para observación astronómica e na súa cima concéntranse algúns dos máis potentes telescopios. Nós non puidemos chegar ata cima porque o último tramo da estrada que sube ata alí só é seguro circulando cun 4x4. Conformámonos con chegar ata o centro de visitantes (situado a 3000 metros da altitude), desde o que poden verse moitos conos de cinzas de antigas erupcións.


No centro de visitantes organízanse observacións astronómicas con telescopios para o público. 


A calidade do aire permite observar o ceo con máis nitidez do habitual, como se ve na foto que lle sacamos á lúa.

29, 30 E 31 DE XULLO DE 2012   A última etapa da nosa viaxe comeza aterrando na illa de Hawai'i, tamén coñecida como Big Island p...

2 comentarios:

  1. pois ides a hawuaii'i a ver 'ohi'a lehua dessas, e resulta que há uma cheia delas na praia do Bao...

    ResponderEliminar
  2. 'Ohi'a lehua é unha especie endémica de Hawaii, polo que é pouco probable que sexa a mesma que a da praia do Bao. Hai especies do mesmo xénero (Metrosideros) que se cultivan en xardinería.

    ResponderEliminar