Big Island (II): As erupcións de Kilauea


1, 2 e 3 de agosto de 2012

Kilauea, dentro do Parque Nacional dos Volcáns de Hawai'i, é o volcán máis activo do mundo pois ten dous cráteres actualmente en erupción.
Un deles é Halema'uma'u, un antigo cráter situado na cima do volcán e que agora contén un lago de lava desde que se reactivou en 2008. Ata esa data era o lugar máis visitado no parque e toda a actividade turística e científica se facía no seu entorno. En febreiro de 2008, os xeólogos, alarmados pola emisión de gases tóxicos, decidiron pechar a zona ao público, e un mes despois, o cráter explotou arrasando un aparcamento e un mirador. As medidas de seguridade só permiten velo desde certa distancia, e do lago de lava só se aprecia unha columna de vapores durante o día e un bonito resplandor alaranxado durante a noite.



O acceso está aínda máis restrinxido en Pu'u 'O'o, un novo cráter que apareceu o día 2 de xaneiro de 1983 e que segue botando ríos de lava que chegan con frecuencia ata o mar, o que fixo aumentar a extensión da illa en 2 km cadrados.


Nestes 30 anos, a lava de Pu'u 'O'o sepultou estradas, pobos, praias e plantacións e segue sendo unha ameaza constante para a vida nesta parte da illa.



Pero Kilauea posúe moitos máis cráteres de erupcións ocorridas no pasado. As máis interesante son as que sucederon nos últimos 50 anos, porque ademáis de ser moi evidentes as súas consecuencias sobre o terreo, están moi ben documentadas por medio de fotos, vídeos e testemuñas de científicos que traballaron no lugar. Os visitantes podemos beneficiarnos da excelente documentación que ofrece o Parque Nacional a través de paneis, centros de interpretación e, sobre todo, rutas de sendeirismo con cadernos explicativos para usar sobre o terreo.
Por exemplo, no ano 1959 no cráter Kilauea Iki abriuse unha fonte de lava que chegou a alcanzar 580 metros de altura. Durante os 36 días da erupción formouse un profundo lago de lava no que se produciron ondas que rompían nas paredes do cráter, remuíños cando a lava era absorbida por un sumideiro, variacións no nivel da lava, explosións e desprendementos. Cando cesou a erupción solidificouse o lago e agora un sendeiro autoguiado permite percorrelo e coñecer a historia do que alí sucedeu.




Outra ruta permite interpretar a erupción de Mauna Ulu, que comezou cando una nova fisura se abríu na terra o 24 de maio de 1969.



Camiñando polo terreo creado por estas erupcións volcánicas saltan á vista as dúas formas distintas nas que solidifica a lava na superficie: pahoehoe e a'a. Estas dúas palabras hawaianas forman parte do vocabulario científico e nós escoitámolas por primeira vez en Islandia. Varios factores como a temperatura, a viscosidade e a velocidade coa que flue fan que coa mesma composición química, a lava poida solidificar con dúas texturas moi diferentes.
A lava pahoehoe da lugar a formas suaves, redondeadas, lobuladas, con zonas de lava enrrugada en forma de cordas, todas elas de especial beleza.





A lava a'a é unha rocha moi fragmentada, de superficie moi irregular e  angulosa.


Cando se solidifica a superficie dun río de lava fórmase un tubo que permite que a lava siga fluindo polo seu interior. As veces, ao cesar o fluxo, o tubo se vacía creando un túnel que pode chegar a ter grandes dimensións.



Comentarios