Big Island (III): Lava viva

4 de agosto de 2012

A posibilidade de ver lava en acción é un dos grandes atractivos do Parque Nacional dos Volcáns, pero a dirección do fluxo de lava é moi variable e non sempre o fenómeno ocorre dentro dos límites do parque, senón por terras de propiedade privada.  Isto impide ás autoridades xestionar as visitas e todo o relativo á información e seguridade. Nós acudimos a onde estaba o pobo de Kalapana antes de quedar sepultado pola erupción en 1990. Hoxe en día hai alí unha especie de mercado onde se pode contratar un guía que te leve a onde hai lava fluindo. Para iso é necesario camiñar 5 km por campos de lava de idades comprendidas entre 2 días e 20 anos, localizar o punto exacto onde está fluindo nese momento e volver xa de noite con linternas ao punto de saída.



Empezamos a marcha ao final da tarde, e despois de 2 horas camiñando comezamos a sentir a calor da lava que había baixo os nosos pés e a ver o seu vermello incandescente a través das fendas da superficie.


Desde fai uns meses o cráter expulsa pouca lava e non se poden ver grandes masas fluindo, pero aínda así o espectáculo merece a pena. A lava está a uns 1200 ºC, a velocidade á que se move é moi lenta e fenómenos como explosións son practicamente imposibles, polo que non hai perigo en achegarse todo o que o corpo aguante a calor. É hipnotizante mirar como se vai solidificando, oscurecéndose e facendo as formas tipicas do pahoehoe que tanto temos visto.






                       

Comentarios

Publicar un comentario