Hawaii: Unha explicación e unha despedida

7 de agosto de 2012

Levábamos tempo buscando a oportunidade de explicar de forma resumida a interesante xeoloxía de Hawaii e  ao final quedou para o último día. Así que nos vai servir como despedida dunha viaxe na que disfrutamos moito dos espazos naturais dos Estados Unidos.
Unha idea moi simple permite comprender cómo se formaron estas illas e o porqué das diferencias entre elas. No interior da Terra, baixo Big Island, hai unha zona do manto que ten unha actividade magmática maior do normal, o que provoca que cheguen grandes cantidades de magma á superficie atravesando a corteza terrestre. Este fenómeno se denomina "hotspot" ou punto quente, e existe noutros lugares do planeta como Islandia ou Yellowstone.
A clave do asunto está en que os hotspots do manto quedan estáticos mentras as placas tectónicas se desprazan sobre el, co que a actividade volcánica que provocan vai afectando a distintos puntos da corteza. O hotspot baixo Hawaii crea volcáns submariños que van crecendo en tamaño ata que sobresaen á superficie dando lugar a unha illa. Mentras a illa se mantén sobre o hotspot, os volcáns seguen activos e ésta segue medrando grazas a eles, como sucede actualmente en Big Island. Dado que a placa do Pacífico se move cara o noroeste a uns 10 cm por ano, co paso do tempo a illa se alonxa do hotspot, os seus volcáns se extinguen e unha nova illa comeza a crecer un pouco máis ao sureste da anterior. Mentras a nova illa se forma, as antigas se van erosionando ata que finalmente quedan baixo as augas, quedando só delas atolóns e arrecifes de coral. Durante os últimos 28 millóns de anos foise creando así unha cadea de montañas submariñas, atolóns, arrecifes e illas que inclúe as illas de Hawaii e se estende polo Océano Pacífico ao longo de 2500 km. 
Nós fumos percorrendo o arquipélago desde a illa emerxida máis antiga, Kauai, ata a máis recente, Big Island, e fixéronsenos evidentes as diferencias e contrastes entre as dúas. A primeira ten 5 millóns de anos de antigüedade, polo que está moi erosionada e cuberta de vexetación, con grandes pendentes, paredes verticais e canóns excavados pola auga, mentras que na segunda, con só medio millón de anos, os campos de lava cubren vastas extensións e a vexetación é escasa nas partes máis xóvenes da illa.


Big Island (IV): Vida mariña

5 e 6 de agosto de 2012

Os nosos dous últimos días en Hawaii pasámolos buceando e aprendendo algo máis sobre a historia dos hawaiianos. 
Subimos a un barco outra vez para participar nunha das actividades máis extrañas e sorprendentes que ofrece esta illa: bucear con mantas xigantes pola noite. Estas mantas teñen unha envergadura de 3 a 6 metros, aliméntanse de plancton e non teñen dentes nin arpón polo que son totalmente inofensivas a pesar do seu tamaño e do seu aspecto impoñente. Con focos e linternas sumerxibles atráese ao plancton,  e as mantas acuden a comelo ignorando á multitude que se concentra na auga para velas. Cos movementos circulares que fan para recoller o plancton coa súa enorme boca sempre aberta vanse achegando a xente ata case rozala.

O parque histórico de Pu`uhonua o Honaunau contén restos arqueolóxicos e reconstruccións actuais dun templo e lugar de residencia da clase dirixente que gobernaba esta illa antes da chegada dos europeos.



Daquela había un sistema de normas moi ríxido chamado kapu (tabú) que impedía por exemplo que a xente común poidese pisar a sombra dun xefe ou as súas pegadas, ou recoller leña e pescar en épocas prohibidas. Aqueles que violaban o kapu eran condenados a morte, aínda que tiñan unha maneira de evitar a sentencia: chegar o templo para obter a absolución dun sacerdote. Pero o templo estaba rodeado por guerreiros e só se podía chegar a el nadando nun mar con perigosas correntes, grandes olas e tiburóns.


Este sistema relixioso chegou ao seu fin a mediados do século XIX cando, tras o contacto occidental, un rei prohibiu a antiga relixión e o seu pobo adoptou o cristianismo.
O primeiro occidental que chegou a Hawaii foi o Capitán Cook a finais do século XVIII. Pasou uns días en Big Island, onde tanto el como a súa tripulación foron recibidos con hospitalidade. Cando marchaba da illa, unha tormenta obligouno a regresar e isto foi tomado polos hawaiianos como un mal augurio. Producíronse algúns desencontros que rematoron coa tripulación de Cook disparando e matando a dúas persoas. A multitude abalanzouse entón sobre o Capitán, acuchillouno ata a súa morte e desmembrou o seu corpo, que só foi recuperado en parte pola tripulación. Estes feitos aconteceron en Kealakekua Bay, a onde se pode chegar andando ou en kayak. A bahía é ademáis un dos sitios máis espectaculares para bucear, con montañas de coral a escasa profundidade e peces multicolores. Tamén atopamos unha tartaruga mariña tomando un descanso nunha praia da zona.






Big Island (III): Lava viva

4 de agosto de 2012

A posibilidade de ver lava en acción é un dos grandes atractivos do Parque Nacional dos Volcáns, pero a dirección do fluxo de lava é moi variable e non sempre o fenómeno ocorre dentro dos límites do parque, senón por terras de propiedade privada.  Isto impide ás autoridades xestionar as visitas e todo o relativo á información e seguridade. Nós acudimos a onde estaba o pobo de Kalapana antes de quedar sepultado pola erupción en 1990. Hoxe en día hai alí unha especie de mercado onde se pode contratar un guía que te leve a onde hai lava fluindo. Para iso é necesario camiñar 5 km por campos de lava de idades comprendidas entre 2 días e 20 anos, localizar o punto exacto onde está fluindo nese momento e volver xa de noite con linternas ao punto de saída.



Empezamos a marcha ao final da tarde, e despois de 2 horas camiñando comezamos a sentir a calor da lava que había baixo os nosos pés e a ver o seu vermello incandescente a través das fendas da superficie.


Desde fai uns meses o cráter expulsa pouca lava e non se poden ver grandes masas fluindo, pero aínda así o espectáculo merece a pena. A lava está a uns 1200 ºC, a velocidade á que se move é moi lenta e fenómenos como explosións son practicamente imposibles, polo que non hai perigo en achegarse todo o que o corpo aguante a calor. É hipnotizante mirar como se vai solidificando, oscurecéndose e facendo as formas tipicas do pahoehoe que tanto temos visto.






                       

Big Island (II): As erupcións de Kilauea


1, 2 e 3 de agosto de 2012

Kilauea, dentro do Parque Nacional dos Volcáns de Hawai'i, é o volcán máis activo do mundo pois ten dous cráteres actualmente en erupción. 
Un deles é Halema'uma'u, un antigo cráter situado na cima do volcán e que agora contén un lago de lava desde que se reactivou en 2008. Ata esa data era o lugar máis visitado no parque e toda a actividade turística e científica se facía no seu entorno. En febreiro de 2008, os xeólogos, alarmados pola emisión de gases tóxicos, decidiron pechar a zona ao público, e un mes despois, o cráter explotou arrasando un aparcamento e un mirador. As medidas de seguridade só permiten velo desde certa distancia, e do lago de lava só se aprecia unha columna de vapores durante o día e un bonito resplandor alaranxado durante a noite.



O acceso está aínda máis restrinxido en Pu'u 'O'o, un novo cráter que apareceu o día 2 de xaneiro de 1983 e que segue botando ríos de lava que chegan con frecuencia ata o mar, o que fixo aumentar a extensión da illa en 2 km cadrados.


Nestes 30 anos, a lava de Pu'u 'O'o sepultou estradas, pobos, praias e plantacións e segue sendo unha ameaza constante para a vida nesta parte da illa.



Pero Kilauea posúe moitos máis cráteres de erupcións ocorridas no pasado. As máis interesante son as que sucederon nos últimos 50 anos, porque ademáis de ser moi evidentes as súas consecuencias sobre o terreo, están moi ben documentadas por medio de fotos, vídeos e testemuñas de científicos que traballaron no lugar. Os visitantes podemos beneficiarnos da excelente documentación que ofrece o Parque Nacional a través de paneis, centros de interpretación e, sobre todo, rutas de sendeirismo con cadernos explicativos para usar sobre o terreo.
Por exemplo, no ano 1959 no cráter Kilauea Iki abriuse unha fonte de lava que chegou a alcanzar 580 metros de altura. Durante os 36 días da erupción formouse un profundo lago de lava no que se produciron ondas que rompían nas paredes do cráter, remuíños cando a lava era absorbida por un sumideiro, variacións no nivel da lava, explosións e desprendementos. Cando cesou a erupción solidificouse o lago e agora un sendeiro autoguiado permite percorrelo e coñecer a historia do que alí sucedeu.




Outra ruta permite interpretar a erupción de Mauna Ulu, que comezou cando una nova fisura se abríu na terra o 24 de maio de 1969.



Camiñando polo terreo creado por estas erupcións volcánicas saltan á vista as dúas formas distintas nas que solidifica a lava na superficie: pahoehoe e a'a. Estas dúas palabras hawaianas forman parte do vocabulario científico e nós escoitámolas por primeira vez en Islandia. Varios factores como a temperatura, a viscosidade e a velocidade coa que flue fan que coa mesma composición química, a lava poida solidificar con dúas texturas moi diferentes.
A lava pahoehoe da lugar a formas suaves, redondeadas, lobuladas, con zonas de lava enrrugada en forma de cordas, todas elas de especial beleza.





A lava a'a é unha rocha moi fragmentada, de superficie moi irregular e  angulosa.


Cando se solidifica a superficie dun río de lava fórmase un tubo que permite que a lava siga fluindo polo seu interior. As veces, ao cesar o fluxo, o tubo se vacía creando un túnel que pode chegar a ter grandes dimensións.



Big Island (I): A illa grande


29, 30 e 31 de xullo de 2012

A última etapa da nosa viaxe comeza aterrando na illa de Hawai'i, tamén coñecida como Big Island para evitar confusións co nome do arquipélago. Esta illa é máis do dobre de grande que todas as outras  xuntas porque o seu vulcanismo está moi activo e todavía está crecendo, a diferencia do resto de illas nas que desapareceu a actividade volcánica e só traballan as forzas erosivas. Big Island é ademáis moi xoven pois ten só medio millón de anos de antigüedade (hai fósiles humanos en Atapuerca co dobre de idade). O noso principal obxectivo nesta illa é visitar o Parque Nacional dos Volcáns, onde con sorte poderemos ver lava fluindo na ladeira dun volcán.
Pero a illa tamén ten outros puntos de interese que visitamos camiño do Parque Nacional. Así, detivémonos en Puako, onde hai uns petróglifos feitos polos colonizadores polinesios sobre rocha volcánica entre os séculos X e XVI. A pesar de ser relativamente recentes, estes gravados pertencen a unha cultura que aínda estaba na prehistoria.


Fúmonos movendo pola costa este, onde chove uns 5000 mm anuais por metro cadrado. A vexetación é exhuberante e a abundancia de auga alimenta espectaculares fervenzas como Akaka Falls.


O bosque autóctono de Hawaii perdeu moita extensión pola agricultura e a gandería, ademáis de verse moi perxudicado pola introducción de especies alleas. Pero nalgunhas partes consérvase o bosque orixinal case sen alterar. A principal especie que define este bosque chámase 'ohi'a lehua (Metrosideros polymorpha), unha árbore que non chega a ser moi grande pero que está perfectamente adaptada á gran variedade de condicións ambientais destas illas. Por exemplo, é a primeira árbore que se asenta nun campo de lava recente, antes que liques, musgos ou herbas. A primeira vista destacan del as súas bonitas flores vermellas das que se alimentan varias especies de paxaros endémicas de Hawaii.



Nos bosques húmidos os 'ohi'a lehua albergan baixo as súas copas fentos arbóreos (Cibotium glaucum) de varios metros de altura, ademáis doutras especies.


A cima máis alta de Big Island é Mauna Kea, un dos volcáns que contribuiu á súa formación. Elévase 4000 m sobre o nivel do mar, pero debaixo da auga a súa ladeira continúa ata 6000 metros de profundidade, polo que é a montaña máis alta da Terra. É un dos mellores lugares do planeta para observación astronómica e na súa cima concéntranse algúns dos máis potentes telescopios. Nós non puidemos chegar ata cima porque o último tramo da estrada que sube ata alí só é seguro circulando cun 4x4. Conformámonos con chegar ata o centro de visitantes (situado a 3000 metros da altitude), desde o que poden verse moitos conos de cinzas de antigas erupcións.


No centro de visitantes organízanse observacións astronómicas con telescopios para o público. 


A calidade do aire permite observar o ceo con máis nitidez do habitual, como se ve na foto que lle sacamos á lúa.