Explosión de cor no Courel

6, 7 E 8 DE DECEMBRO DE 2013  


A serra do Courel esconde as paisaxes galegas mais fermosas. Conserva grandes masas de bosque autóctono, aldeas tradicionais ben conservadas, unha xeoloxía única en Galicia e importantes restos arqueolóxicos que son testemuña da constante presenza humana desde hai miles de anos.
Xa son moitas as veces que visitamos esta comarca, que nunca deixa de sorprendernos ou ensinarnos algo novo. Desta vez nos regalou a combinación das cores de finais de outono coa magnífica luz dos días cercanos ao solsticio invernal.





O primeiro día fixemos a ruta do río Pequeno, un percorrido circular ben sinalizado que parte de Seoane do Courel e nos leva por un típica paisaxe rural da zona: antigos camiños, aldeas, prados, soutos centenarios, sequeiros para as castañas, muíños, ...









Unha das particularidades da serra do Courel é a presenza dunha formación de rocha caliza que aflora en diferentes puntos e contrasta cos xistos e lousas maioritarios. Os distintos tipos de rocha poden causar diferencias na vexetación, pois as aciñeiras so crecen onde hai un sustrato calizo.


Na segunda xornada ascendimos a Pía Paxaro, que con 1610 m de altitude só é superado nesta serra polo cercano pico Formigueiros, ao que xa subimos noutras ocasións. Seguimos a ruta que parte da Seara e pasa pola pequena lagoa da Lucenza, que nos sorprendeu coa súa superficie totalmente xeada.





A partir desta altitude desaparecen as árbores e é posible apreciar a extensión da serra e o seu abrupto relevo.



O último día fixemos unha ruta por Moreda e o monte Cido, con excelentes vistas da Devesa da Rogueira. Este abrupto e sombrío val conserva o mellor e mais importante bosque de Galicia, onde carballos, bidueiros, castiñeiros, pradairos, capudres, cerdeiras e acivros están acompañados de especies mais raras como faias e teixos. A pesar do seu extraordinario valor ecolóxico, a Devesa da Rogueira e a serra do Courel carecen de protección ambiental efectiva.


6, 7 E 8 DE DECEMBRO DE 2013   A serra do Courel esconde as paisaxes galegas mais fermosas. Conserva grandes masas de bosque autócto...

0 comentarios: