Neve, neve, neve

27-31 de marzo de 2013

O motivo que nos trouxo ata aquí foi a observación de auroras boreais durante a noite, pero Saariselkä ofrece moitas actividades para facer polo día, todas relacionadas coa neve. Así que durante estes días ocupamos o noso tempo en desprazarnos pola neve de distintas formas. Ademáis do esquí nórdico do que xa falamos, pasamos moitas horas baixando a divertidísima pista para trineos que hai aquí, de mais dun quilómetro de lonxitude. Os hoteis dispoñen de trineos gratuitos que calquera pode coller e hai que camiñar pista arriba para logo facer o descenso.


Tamén conducimos unha moto de neve, nunha excursión de 40 km polos bosques e colinas da rexión ata un lago xeado onde perforamos os 70 cm de grosor do xeo para tentar pescar, aínda que sen éxito.



Outro día fixemos unha ruta con raquetas de neve ata un pequeno barranco. Esta é a única maneira de camiñar pola maioría dos sitios sen enterrarse na neve ata a cintura.


Probamos o antiguo medio de transporte destas latitudes: o trineo de cans. Quedamos sorprendidos pola potencia de tiro destes animais e pola súa ansiedade por correr, que fixo que tivéramos que levar o freo pisado case todo o traxecto para respetar a velocidade de seguridade que nos marcaba o guía.


E por último, tivemos a sorte de disfrutar outra vez dunha preciosa aurora boreal.




As luces do norte

27 de marzo de 2013

Cando escribimos o anterior post éramos pesimistas ante a posibilidade de chegar a ver auroras boreais, pero na mañán do 27 as prediccións anunciaron un aumento da actividade solar da que dependen. Ademáis o pronóstico meteorolóxico era tamén bo, co que tiñamos as condicións requeridas para presenciar o fenómeno. Éste prodúcese cando determinadas partículas emitidas polo Sol son captadas polo campo magnético terrestre grazas a carga eléctrica que posúen. Este fluxo variable de partículas entra na atmósfera a través dos polos magnéticos e interactúa cos átomos desta emitindo luz de cores variadas no proceso.


En canto se fixo de noite comezamos a subir a unha colina que se recomenda como lugar de observación por estar alonxada das luces da vila. Enseguida fixéronse evidentes algunhas nubes difusas de cor verde ocupando a parte norte do ceo.


Nun só minuto estas manchas de cor aparecían e desaparecían en diferentes zonas do ceo e outras veces permanecían no mesmo lugar cambiando suavemente de forma e intensidade. Estas fases de actividade se intercalaban con outras nas que apenas se veía nada, o que nos facía pensar que a aurora chegaba ao seu fin, pero pronto volvía a comezar o espectáculo.




Dimos por terminada a sesión despois de 3 horas de pé sobre a neve a -15ºC, pero cando xa volvíamos ao hotel unha espectacular explosión de luces verdes e rosas inundou todo o ceo, movéndose e cambiando de forma a gran velocidade durante uns 5 minutos, que resultaron ser os mellores da noite.


Esquí e sauna


25 e 26 de marzo de 2013

Estamos en Saariselkä, unha pequena vila no corazón da Laponia finesa.


Esta localidade vive das actividades turísticas que se poden facer na rexión, maioritariamente vinculadas á neve que cobre a paisaxe durante a maior parte do ano.


Outro grande atractivo é que, debido á súa latitude por enriba do círculo polar ártico, é unha zona propicia para a observación de auroras boreais. Este último é o motivo principal que nos trouxo ata aquí, aínda que vai ser difícil ver cumprido o noso desexo porque nestes últimos días a actividade solar que xenera as auroras é escasa.
De todas formas, aproveitamos os dous días que levamos aquí iniciándonos na práctica do esquí nórdico. Esta disciplina deportiva consiste en desplazarse con esquíes, de xeito similar á forma en que se camiña, por pistas llanas ou en lixeira pendente. Toda a Laponia ten un relieve suave, con pequenas colinas e bosques de coníferas pouco densos.


Xente de todas as idades ven a Saariselkä a practicar o esquí nórdico nos máis de 200 km de pistas acondicionadas e sinalizadas coas que conta a rexión.



Repartidos polas rutas hai refuxios de madeira con calefacción de leña, nos que se pode parar a descansar, comer ou durmir.



Tamén estamos disfrutando doutra clásica actividade finesa: a sauna. Aínda que no hotel temos unha sauna moderna, hoxe fixemos 14 km sobre os esquíes ata Kiilopää para probar a súa tradicional sauna de fume acompañada de baño xelado ao aire libre.