Ordesa e Monte Perdido, a xoia dos Pirineos

13, 14 E 15 DE AGOSTO DE 2014  

Ponte románica de Bujaruelo

En 1918 o Val de Ordesa (Huesca) foi declarado Parque Nacional, sendo así o segundo territorio en recibir tal protección en España, só un mes despois que a montaña de Covadonga. Isto podería dar unha pista da importancia desta paisaxe de montaña, pero o certo é que a beleza e singularidade deste lugar supera calquera espectativa. En 1982, grazas en parte á presión popular, o parque foi ampliado para incluir os vales de Pineta, Escuaín, Añisclo e o entorno da cima do Monte Perdido, pasando a ter unha superficie 8 veces maior.
Entre os valores mais emblemáticos do parque está o impresionante canón de Ordesa, excavado por glaciares formados nas sucesivas glaciacións que veñen afectando ao planeta desde hai uns 50 millóns de anos. O último período de máxima actividade do xeo tivo lugar no Pirineo hai 50 000 anos, e hai só 16 000 anos que o xeo comezou a desaparecer dos vales.
Hoxe recibe a mais de 600 000 persoas ao ano, aínda que durante a nosa visita tivemos a sorte de non coincidir con moita xente. En 2008 xa estiveramos aquí e quedamos con ganas de volver, así que aproveitamos esta oportunidade para repetir.
A pesar disto, Ordesa e Monte Perdido é alta montaña, e compre tomar unhas precaucións básicas, informarse adecuadamente e coñecer as capacidades propias para non verse en situacións desagradables ou perigosas. Como entrenamento fixemos un roteiro sen complicacións, camiñando polo val de Bujaruelo ata o Val de Otal, ambos veciños de Ordesa e excluidos do parque nacional a pesar do seu valor.

Val de Otal
Sempreviva (Sempervivum montanum)
Cardo azul (Eryngium bourgatii)
Ao día seguinte erguémonos cedo e tomamos o autobús desde Torla, única forma de acceder á pradeira de Ordesa durante a tempada alta do verán. O noso plan é superar o desnivel de 1000 m que separa o fondo do Val de Ordesa e subir á parte mais alta para camiñar entre os cumes, durmir no refuxio de Góriz (2200 m), e volver ao día seguinte baixando pola pradeira.

O Tozal de Mallo, no circo da Carriata
Desde o parking ascendemos polo circo da Carriata para dirixirnos á faixa das Flores. Esta senda de vértixe discurre por unha cornisa horizontal da parede norte do canón de Ordesa, orixinada de forma natural pola erosión dun estrato rochoso mais brando que os outros, e ofrece unha excepcional vista desde a cima dun precipicio de 1000 m de desnivel. Aínda que percorrer a faixa non é arriscado, pode ser moi desagradable para quen se impresione coas alturas.
A confluencia do Val de Ordesa co Val de Broto
A senda da Faixa das Flores sobre o canón de Ordesa 
Circo de Cotatuero
O circo de Cotatuero baixo as cimas do Cilindro, Monte Perdido e Soum de Ramond
Unha afirmación popular atribúe o nome da faixa das Flores á presencia da escasísima flor de neve ou edelweiss (Leontopodium alpinum); aínda que tardamos en atopala, ao final apareceu:


Unha vez superada a Faixa, accedemos a unha nova paisaxe de pradeiras e pequenas chairas, rocha e neve, na que desaparecen árbores e arbustos. A paisaxe kárstica propia da rocha calcárea provoca que a auga se infiltre con rapidez cara o interior da montaña, facendo que este lugar sufra grande aridez. Aínda así, é o lugar onde habitan os sarrios e as marmotas, ambos herbívoros. Estas últimas foron reintroducidas a mediados do século XX despois de desaparecer no pasado.

A Brecha de Roland 
Rebecos ou sarrios (Rupicapra rupicapra)
Marmota (Marmota marmota)
Camiñamos o resto do día pola zona alta, abandonando a idea de subir á Brecha de Roland ou ao Monte Perdido. As cimas resultan inaccesibles para nós, pois ascender con seguridade polos neveros que aínda quedan a mediados de xullo require o dominio técnico de crampóns e piolets. Aínda así as vistas son magníficas. Os estratos das rochas deixan de ser horizontais como no val e aparecen en todas as direccións, incluso dobrados sobre si mesmos, facendo visible os grandes movementos tectónicos que deron lugar a cordillera pirenaica.

Unha nube cubre a cima do Monte Perdido 
Despois de 10 horas camiñando rematamos a xornada cando chegamos ao refúxio de Góriz, situado na cabeza do val de Ordesa. Durante o verán o albergue, de 70 prazas, está completo, pero no seu reducido espazo de aloxamento se pode cear, durmir e almorzar.

Circo de Góriz e refuxio
A mañá seguinte espéranos unha xornada moito mais suave, descendendo desde Góriz ata Ordesa polo camiño mais transitado do parque nacional. A maioría da xente que durmiu no albergue diríxese cara as cimas ou a pasear pola neve, pertrechados con crampóns e piolets. Nos saímos cedo, e baixamos case sós ata a emblemática fervenza da Cola de Cabalo, na que hoxe é a auga a que salva o desnivel entre o circo de Góriz e o de Soaso. Fai 20 000 anos, a cascada era de bloques de xeo.

Fervenza de Soaso, ou "Cola de Cabalo"
Xanzá (Gentiana Lutea)
A gandeiría é necesaria para conservar os actuais ecosistemas de montaña
Desfrutamos do privilexio desta paisaxe nas primeiras horas da mañá, sen as multitudes que se poden concentrar nas horas centrais dun día soleado. Na parte alta o val de Ordesa aínda conserva o perfil en "U" propio da morfoloxía glaciar, con laderas verticais e fondo plano, onde hai bos pastos que son aproveitados para a gandería. O río Arazas descende polo val atravesando diferentes substratos rochosos, o que da lugar a fervenzas de formas variadas.

Gradas de Soaso

Campanula cochleariifolia
Lirio bravo (Lilium martagon)
Fervenza do Estreito


A media tarde chegamos a Torla, pequena vila situada na entrada de Ordesa que acolle ao centro de visitantes do Parque Nacional. Un edificio que enseña moi pouco sobre os valores do parque e de forma moi superficial, no que só paga a pena o Museo do Bucardo, especie de cabra montesa endémica do Pirineo que se extinguiu no ano 2000 coa morte do último exemplar que quedaba vivo.

A faixa das flores é a cornisa mais alta da montaña
Torla, co pico Mondarruego detrás
Como curiosidade, a foto que obtivemos desde o circo de Góriz, cando esperábamos por unha marmota que correteaba polas pedras

Boeing 747 pasa por diante da lúa

13, 14 E 15  DE AGOSTO DE  2014   Ponte románica de Bujaruelo En 1918 o Val de Ordesa (Huesca) foi declarado Parque Nacional, se...

0 comentarios: