Java (III): A praia das tartarugas

7 de agosto de 2014

Sukamade é unha praia do parque nacional Meru Betiri onde acoden a desovar varias especies de tartarugas mariñas. Debido a que depredadores como o xabarín comían a maioría dos ovos, o parque nacional estableceu un sistema de protección que consiste en recoller os ovos tras a posta e enterralos en area nun recinto pechado. Cando eclosionan, as pequenas tartarugas son liberadas na praia.


É practicamente imposible chegar a Sukamade en transporte público, así que contratamos coche, conductor e guía durante dous días para que nos levaran ata alí e tamén ao cráter do volcán Ijen. De camiño a Sukamade fixemos unha pequena parada nunhas bonitas praias nas que nos acercamos por primeira vez ao océano Índico.


Continuamos por unha pista de terra pola que se iban alternando zonas de selva con aldeas e plantacións de caucho, café e cacao. O noso guía nos ensinou que, aínda que do cacao só se aproveitan as sementes, a pulpa que as rodea é comestible e está ben rica.



Ao chegar a Sukamade explicáronnos como era o proceso seguido para protexer os ovos. Ensináronnos o lugar onde os colocan de forma ordenada e sistemática e tivemos a sorte de ver un grupo de tartarugas recén nacidas.



A continuación nos convidaron a que as liberásemos na praia. Foi bonito velas dirixirse cara a agua e adentrarse no mar a pesar da forte oleaxe.



Os poucos turistas que se achegan a Sukamade, ademáis de participar na solta das tartarugas pequenas, tamén poden presenciar a posta de ovos na praia durante a noite. As tartarugas acostuman facer a súa posta entre as 8 e as 12 da noite, e os gardas patrullan a praia para localizalas e poder recoller os ovos en canto terminan. Cando aparece unha tartaruga, avisan aos turistas para que vaian a vela. A nós fallounos a sorte pois logo de esperar catro horas na praia non apareceu tartaruga ningunha.


Pero á veces un animal mais cotián tamén pode dar un bonito espectáculo. Estivemos un bo rato entretidos cuns pequenos cangrexos que escapaban das olas a grande velocidade.


Comentarios