Java (IV): O volcán do lume azul

agosto 21, 2014 deviaxe 1 Comments

8 de agosto de 2014

A vista do cráter do volcán Ijen é magnífica: un enorme lago de cor azul turquesa, paredes verticais, columnas de fume que por momentos ocultan a paisaxe e manchas amarelas de xofre cubrindo parte da beira do lago. Queríamos descender ao fondo do cráter para poder ver o afamado "Lume azul". A actividade parecía non ter máis dificultade que superar fortes pendentes e camiñar de noite, e non nos tomamos moi en serio que o guía levara unhas máscaras antigás na mochila.



Cando chegamos ao  borde do cráter o vento empuxaba o fume do volcán cara nós, e fixo que tusíramos e que os ollos nos picaran un pouco. Foi cando o guía nos dou as máscaras antigás e notamos que era mais fácil respirar. Logo de percorrer o borde para disfrutar das vistas, comezamos o descenso ao interior do cráter. A paisaxe alí é como de outro planeta: non hai rastro de vida, por momentos o aire é irrespirable e a cor e o cheiro a xofre están por todas partes. O lago é un dos máis ácidos do mundo polo ácido sulfúrico e as súas augas están moi quentes. Non  é un lugar agradable para estar, pero é inesquecible.



No crater do volcán Ijen se practica unha forma primitiva de minería para extraer o xofre, que se fixo famosa por un recente documental da BBC e a National Geographic. É un traballo moi duro e mal pagado. Por un procedemento do que non temos detalles, os mineiros levan o gas sulfuroso por unhas tuberías cerámicas e consiguen que nos extremos o xofre precipite formando grandes lousas de rocha. Cargan en cestas de mimbre ata 70 kg de xofre e suben pola ladeira do cráter para logo baixar ata o ponto onde lles compran o mineral.


Esperamos no fondo do cráter a que se fixera noite para poder ver o lume azul. O gas de xofre que se filtra polas gretas das rochas inflámase en contacto coa atmósfera e arde en chamas de cor azul moi vivo, pero con unha luminosidade tan baixa que é invisible durante o día. Este fenómeno ocorre en moi poucos lugares do mundo e no crater Ijen está a área de lume azul de maior extensión do planeta.




8 de agosto de 2014 A vista do cráter do volcán Ijen é magnífica: un enorme lago de cor azul turquesa, paredes verticais, columnas de ...

1 comentario:

  1. impressionante! que bem que ides vós e o contades, eu não baixaria aí nem tola!

    ResponderEliminar