Borneo: Tres días na selva

agosto 07, 2014 deviaxe 2 Comments

1,2 e 3 de agosto de 2014


Kalimantan é o nome que recibe a parte indonesia da illa de Borneo, terceira illa mais grande do mundo e cuberta por unha mítica selva en proceso de desaparición. É o único lugar do mundo, xunto con Sumatra, no que sobrevive o orangután. En 1971 a primatóloga Biruté Galdikas fundou un campamento na rexión de Tanjung Puting, ao sur de Kalimantán, para estudar aos orangutáns no seu hábitat. Actualmente a rexión é un parque nacional de mais de 4000 km² no que vive a maior poboación do mundo de orangutáns salvaxes.

Ademáis dunha labor de investigación, no parque lévase a cabo un programa de reintrodución no hábitat salvaxe de exemplares orfos ou rescatados da cautividade. Unha vez o día, deíxanse plátanos e leite a horas concretas en tres plataformas de madeira repartidas polo parque, para que os orangutáns complementen a súa dieta mentras aprenden a alimentarse por si mesmos. Como os orangutáns acuden as plataformas de forma regular, os visitantes do parque teñen case asegurado ver a estes animais no seu medio natural. Así, esta actividade convertiuse nunha das maiores atraccións turísticas da illa.


Só se pode acceder a estas estacións de alimentación en barca, navegando polos ríos que surcan a selva. Os turistas podemos contratar un klotoc, pequena embarcación de madeira de dous pisos que funciona como aloxamento flotante durante tres días. Mentras o klotoc nos vai achegando ás diferentes estacións, na cuberta comemos, pasamos o día contemplando a selva relaxadamente e pola noite durmimos en colchóns con mosquiteira coa barca amarrada nun punto calquera da selva. No piso inferior alóxase a tripulación, composta por capitán, guía local experto na zona, cociñeira e axudante.




A primeira estación na que paramos resultounos ao principio un pouco decepcionante, pois cando chegamos os orangutáns comían pasivamente mentras decenas de turistas os fotografiaban desde uns 10 m de distancia. A escena non era moi diferente do que pode verse nun zoo.


Pero esta impresión cambiou cando, no camiño de volta ao klotoc, tivemos que recuar apresuradamente para evitar cruzarnos cun gran macho que viña cara nós. As instruccións do noso guía foron apartar do seu camiño e ocultarlle a mochila, pois saben que nelas pode haber comida e volverse agresivos para conseguila. Máis adiante vimos varios orangutáns nas árbores da beira do río mentras navegábamos no klotoc, lonxe das estacións de alimentación.

Nas outras dúas estacións xa vimos gran parte do repertorio de comportamentos propios dun grupo de orangutáns salvaxes: como se moven polas árbores, como cuidan das súas crías, como se evitan entre si, como pelexan,...
 





O momento estelar foi a aparición en escena de Tom, o enorme macho que domina na estación principal desde hai anos. Estabamos fotografiando a un numeroso grupo de orangutáns mentras comían, cando o balbordo detrás de nós avisounos de que algo pasaba. Os guías apartaban con urxencia aos turistas para abrirlle paso a un malhumorado Tom. Os orangutáns que comían déronse conta e escaparon trepando velozmente cara a copa das árbores mentras Tom pasaba correndo entre a xente e perseguía a un deles polas ramas sen darlle alcance.



Pero a selva de Borneo garda outras cousas interesantes, como as intelixentes acrobacias dun xibón para roubar a comida dos orangutáns ou unha nai xabarín coa sua prole de xabatos.




 Grazas aos coñecementos do noso guía, desde a barca avistamos unha cría de cocodrilo e un enorme lagarto que é capaz de comer crías de mono. Tamén nos ensinou moitos aspectos da bioloxía da selva: prantas carnívoras, formigas xigantes que non pican,termitas, madrigueiras de tarántula, ...






Os monos narigudos son moi abundantes e se reúnen en grandes grupos nas ramas altas das árbores da ribeira, sobre todo ao caer a noite.


 


A última noite navegamos un bo rato na escuridade vendo como as palmeiras das marxes do río refulxían como árbores de nadal con luces intermitentes producidas por innumerables vagalumes que se movían entre as súas follas.

1,2 e 3 de agosto de 2014 Kalimantan é o nome que recibe a parte indonesia da illa de Borneo, terceira illa mais grande do mundo e cu...

2 comentarios:

  1. Levo dous comentarios e esto non publica, a ver si agora..Un pracer poder ler as vosas cronicas da viaxe, coidadevos moito e pasadeo ben. Un bico

    ResponderEliminar
  2. salta el oranghotangho en la ventana, ayayay
    as moças da riveira mijam na cama, aiaiai

    e tendo oranghotanghos em sabucedo tendes que ir tão longe a fotografá-los! ;)

    ResponderEliminar