Mallorca (II): A serra da Tramuntana

29, 30, 31 de marzo e 1 de abril de 2015

Illa  Sa Dragonera
A costa oeste de Mallorca, percorrida en toda a súa lonxitude pola serra da Tramuntana, foi declarada Patrimonio da Humanidade debido a espectacularidade da súa paisaxe natural e cultural. O relevo é agreste, con cimas de case 1500 metros de altura, estradas de montaña estreitas e vertixinosas, pequenos pobos escondidos no interior e altos acantilados que caen a un mar dun azul resplandecente.





Torrent de Pareis
Fixemos varias rutas de sendeirismo pola serra, que combinaban ao mesmo tempo a montaña, ás vistas á cercana costa e visitas a vilas e pobos. Sorprendeunos ver que esta paisaxe está moi pouco urbanizada, o turismo non é invasivo e conserva en moitos aspectos o seu carácter tradicional.

Deià
Llucalcari
Pollença


Por todas partes se ven bancais que fan cultivable o abrupto terreo montañoso, con muros de pedra en seco construidos cun estilo característico da illa. Aínda que moitos destes bancais están hoxe abandonados, en moitos outros todavía persiste o cultivo de oliveiras e cítricos.



Banyalbufar
A poboación mais importante da Tramuntana é Sóller, que atraeu no pasado a numerosos artistas como Picasso e Miró. Igual que en Palma, en Sóller construíronse varios edificios de estilo modernista, destacando a fachada da igrexa de Sant Bartomeu. Un antigo tranvía, que hoxe só usan os turistas, une Sóller coa cercana Port de Sóller.

Sóller
O punto final da serra da Tramuntana é o espectacular cabo Formentor, situado no norte da illa, onde verticais acantilados se suceden uns a outros facendo desta costa a mais escarpada da illa. Aquí, como no resto da costa mallorquina, as atalaias recordan as épocas nas que as incursións de piratas eran frecuentes. A poboación se asentaba no interior para non expoñerse tanto aos ataques, e os portos non eran zonas habitadas. Hoxe estes portos convertíronse en pequenas localidades turísticas, e así son habituais as parellas de topónimos como Sóller e Port de Sóller.

Cabo Formentor

Comentarios