Trujillo e as culturas preincaicas

14 E 15 DE XULLO DE 2015  

Deixamos as alturas da Cordillera Blanca e desprazámonos nun cómodo autobús-cama ata a cidade costeira de Trujillo, fundada en 1534 por Francisco Pizarro, quen lle deu o nome da súa cidade natal extremeña. O bullicioso casco antigo é de estilo colonial e a maioría dos seus edificios, de unha ou dúas prantas, están ben conservados e pintados con cores vivas.


O entorno de Trujillo, como toda a costa peruana, é moi árido debido as frías correntes oceánicas que a bañan. A pesar diso, as augas do río Moche permitiron unha agricultura rica desde hai moitos séculos aos habitantes desta rexión. Varias culturas floreceron nesta zona antes de ser absorbidas polos incas e deixaron restos arqueolóxicos que permiten coñecer importantes aspectos da súa forma de vida.

Vasixas mochicas
Os pobos da comarca comezaron a organizarse dando lugar a cultura mochica entre os anos 100 a.C e o 800 d.C. Desta cultura consérvanse numerosos restos como momias, cerámicas, obxectos de uso cotiá e as ruinas dos seus templos piramidais de adobe. Estes templos foron bautizados como huacas, palabra inca que significa edificio relixioso, pero posteriormente determinouse que estas culturas eran de cronoloxía anterior. Logo de tantos séculos a erosión convertiu estas pirámides de adobe en montañas de terra, e as lentas escavacións arqueolóxicas van descubrindo magníficos detalles do seu interior e da súa estructura.

A inmensa Huaca del Sol, aínda sen excavar
Visitamos tres destes templos mochicas, e o primeiro deles, a Huaca del Brujo, recíbenos cun panel policromado en baixo relevo de adobe, onde unha fila de homes desnudos atados cunha soga son conducidos ao seu sacrificio por uns soldados.



O mais sorprendente desta terrorífica expresión artística é que relata feitos reais confirmados pola arqueoloxía. As chuvias torrenciais e inundacións que o fenómeno de El Niño provoca de forma periódica eran interpretadas polos mochicas como un enfado dos seus deuses, e tentaban aplacar a ira divina con sacrificios de animais. Aqueles anos nos que a violencia do fenómeno facía que a chuvia non cesara, os mochicas ofrecían aos deuses os seus xóvenes varóns. Cada familia presentaba un xoven para a ceremonia, que comezaba cun combate no que os perdedores eran seleccionados para o sacrificio. A loita era moi simple: dous xóvenes se enfrentaban ataviados cun sombreiro e armados cunha porra. Quen conseguia sacarlle o sombreiro ao seu contricancante resultaba vencedor, e tiña a honra de conducir aos vencidos ante os sacerdotes para o seu sacrificio. Posteriormente, eran degolados polos sacerdotes que usaban o sangue para ofrendas e ceremonias, e os corpos dos sacrificados se deixaban como carroña para as aves.
Moitos destes detalles están relatados nos relevos descubertos nas huacas dos arredores de Trujillo, nas decoracións de numerosas cerámicas atopadas nas excavacións e confirmados pola análise forense de esqueletos, coitelos e porras, que están expostos no excelente museo da Huaca de la Luna.
Parece ser que arredor do ano 800 d.C, un dos eventos de El Niño foi tan extraordinario que a furia dos deuses non puido ser aplacada coa vida de numerosos varóns, e moitos sacerdotes foron tamén sacrificados. A violencia meteorolóxica acabou igualmente coa organización social dos mochicas e supuxo a fin desta cultura.
Cabe destacar a excepcional calidade artística das súas cerámicas e relevos, con bonitas cores e deseños moi creativos.

Peixes gato e raias na Huaca del Brujo

Deus decapitador Aiapaec

Huaca del Brujo

Huaca de la Luna

Aiapaec na Huaca de la Luna

Enorme muro na Huaca de la Luna

Huaca de la Luna

Detalle do gran muro da Huaca de la Luna
En menos de 100 anos unha nova cultura naceu neste mesmo lugar con características diferentes. Os chimúes non destacaron pola súa actividade artística pero construiron unha grande cidade de adobe, chamada Chan Chan, con mais de 10000 vivendas. Esta civilización perdurou ata que foron conquistados polos incas en 1471.

Palacio na cidade de Chan Chan
Entre as visitas a estes complexos arqueolóxicos paramos a comer na vila de Huanchaco, onde os pescadores usan unhas barcas estreitas feitas dun xunco chamado totora.


14 E 15 DE XULLO DE 2015   Deixamos as alturas da Cordillera Blanca e desprazámonos nun cómodo autobús-cama ata a cidade costeira de Tru...

0 comentarios: