Arequipa

19 de xullo de 2015


Arequipa, a segunda maior urbe de Perú con case un millón de habitantes, resultou ser unha agradable e tranquila poboación. Con algunhas rúas peatonais no seu coidado casco histórico, esta luminosa cidade colonial supuxo un respiro do tráfico caótico e ruidoso que impera no resto do Perú. Varios volcáns adornan a paisaxe arequipeña coas súas altas cimas nevadas, e algún ameaza silenciosamente a vida dos seus habitantes.


Catedral de Arequipa e volcán Misti
Cando chegamos a Arequipa, na Praza de Armas desfilaban varias unidades militares seguidas de grupos folklóricos da cercana rexión do Colca.


Ademais de pasear polas súas rúas, un dos seus principais atractivos turísticos é o mosteiro de Santa Catalina, unha cidade independente dentro da cidade. Desde o ségulo XVI, mulleres da alta sociedade colonial pagaban importantes sumas de diñeiro para ingresar no mosteiro, onde a pesar de levar un réxime de clausura esperáballes unha vida relativamente cómoda. Cada monxa dispoñía dunha celda, cociña e xente ao seu servicio.



Celda persoal dunha monxa

Cociña privada
Resgardado por altos muros, o mosteiro conta con rúas, prazas, fontes, claustros e vivendas, todas pintadas de vivas cores. Semella mais unha urbanización privada que un edificio de retiro espiritual. Foi destruido parcialmente por un terremoto nos anos 60 e logo adquirido por unha empresa que o restaurou para explotalo turísticamente. Hoxe é visita obrigada en Arequipa e nós pasamos un par de horas percorrendo todos os rincóns deste singular convento.









Vista do mosteiro, a cidade e o volcán Chachani
O paseo levounos ata os Claustros da Compañía, un edificio do século XVIII construído polos xesuítas e que logo de diversos avatares históricos foron rehabilitados nos anos 70 para albergar locais comerciais.


Comentarios