O deserto de Atacama

agosto 27, 2015 deviaxe 0 Comments

8, 9, 10 e 11 de agosto de 2015

Portal de madeira de cactus
O deserto de Atacama, situado no norte de Chile entre a costa pacífica e a cordilleira dos Andes, é o máis seco do planeta, con zonas onde non caeu unha gota en 400 anos. Esta extrema aridez é causada por unha combinación de varios fenómenos: as augas frías da corrente de Humboldt reducen a evaporación e a formación de nubes nesta zona, os ventos alisios devolven ao océano calquera rastro de humidade que puidera chegar a terra, e a cordilleira dos Andes impide que cheguen ata aquí as masas de aire húmido procedentes da Amazonia.

Nós só visitamos o entorno de San Pedro de Atacama, unha pequena vila adicada ao turismo que está nunha parte do deserto non tan árida pois recibe auga de varios regatos que baixan dos Andes cercanos.

Vista de San Pedro con montañas e volcáns nevados ao fondo
Rúa de San Pedro

Moi cerca de San Pedro está a Cordillera de la Sal, que se formou cando os sedimentos do fondo dun antigo lago se elevaron e pregaron fortemente.

A cor branca que se ve nas fotos non é neve...



O nome destas montañas ven dado polos depósitos de sal e xeso que había nestes sedimentos lacustres e lle confiren agora un aspecto peculiar. A cor vermella da terra e as rochas parece salpicada ou cuberta dunha pátina branca que parece neve, pero que en realidade é sal e xeso.



Hai grosas capas de halita, unha rocha formada por cloruro sódico (sal común), que é erosionada con facilidade pola auga dando lugar a unha xeloxía kárstica particular.

Rocha de sal erosionada



Grazas á escasa humidade presente na atmósfera e a elevada altitude, o deserto de Atacama é un lugar privilexiado para a investigación astronómica. É por isto que algúns dos telescopios mais importantes do mundo están situados nesta rexión. Nas inmediacións de San Pedro está ubicado ALMA (Atacama Large Millimeter/submillimeter Array), unha instalación internacional de 66 radiotelescopios deseñados para observar rexións frías do universo e que é o maior proxecto astronómico que existe. É posible facer unha visita guiada ás súas instalacións de control, situadas á 2900 m de altitude. O conxunto de radiotelescopios, situados no plano de Chajnantor a 5000 m, non é visitable por motivos de seguridade, pois a elevada altitude pode causar problemas de saúde a calquera persoa non aclimatada.

Conxunto de 7 sensores de luz infravermella dun radiotelescopio


Durante a visita que fixemos explicáronnos con detalle o funcionamento de ALMA, a complexa tecnoloxía que hai detrás e algúns dos descubrimentos mais importantes que se fixeron desde que hai 4 anos empezaron as primeiras observacións. Unha das características mais destacables é que cada antena se pode mover para ser situadas a distancias que varían entre 150 m e 16 km, o que permite observar obxectos astronómicos con diferente zoom. Dous enormes camións transportan cada antena de 115 toneladas e as colocan no lugar previsto con menos de 1 mm de erro, ademais de servir para traelas ata o centro de operacións para o seu mantemento.

Dúas antenas en mantemento
O peche dalgunhas estradas polo vento e a neve durante dous días obrigounos a modificar parte dos nosos plans. Como alternativa, percorremos en bicicleta ao Valle de Catarpe, parando antes na Pukará de Quitor, as ruínas dun antigo poboamento preincaico do século XII.



Valle de Catarpe e o volcán Licancabur ao fondo

Esa noite o ceo quedou totalmente despexado o que, xunto coa ausencia de lúa, fixo que se deran as condicións perfectas para realizar unha observación astronómica. A certa distancia de San Pedro, para evitar a contaminación lumínica, contemplamos un ceo nítido coma nunca o viramos antes, primeiro a simple vista mentras escoitabamos as explicacións dun astrónomo e despois a través de 10 grandes telescopios. Cada telescopio apuntaba a un punto concreto: nebulosas, estrelas dobres, Saturno cos seus aneis, nubes de gas deixadas por unha supernova, ... Fíxonos moita ilusión ver con tanta claridade as Nubes de Magallanes, dúas pequenas galaxias só visibles desde o Hemisferio Sur.

Á esquerda a Nube de Magallanes, e á dereita a Vía Láctea coa Cruz do Sur e Alfa e Beta Centauri

Rematamos a nosa estancia en Atacama visitando os grabados e pinturas rupestres de Yerbas Buenas e tamén o Valle del Arco Iris, unha zona con barrancos multicolores debidos á diferentes minerais que compoñen as rochas.








8, 9, 10 e 11 de agosto de 2015 Portal de madeira de cactus O deserto de Atacama, situado no norte de Chile entre a costa pacífica e...

0 comentarios: