Paisaxes doutro mundo

agosto 23, 2015 deviaxe 0 Comments

5, 6 e 7 de agosto de 2015

A pequena cidade de Uyuni, á que chegamos en avión desde El Alto, serviunos de punto de partida para visitar as remotas terras do sur do altiplano boliviano. Durante 3 días percorrimos en 4x4 extraordinarias paisaxes deshabitadas a 4000 metros de altitude, un auténtico deserto frío que parece sacado doutro planeta.

A finais do século XIX Uyuni era unha cidade próspera grazas a que nela confluían varias liñas de ferrocarril que transportaban minerais cara os portos do Pacífico. Co declive da industria mineira moitos trens foron abandoados no que hoxe se coñece como o cemiterio dos trens.



Nenos de Uyuni celebrando o Día da Independencia
Edficio construido con ladrillos de sal
O que na actualidade atrae a miles de visitantes a Uyuni é o salar máis grande do mundo, que ten unha superficie de 10000 km cadrados, algo mais dun tercio da superficie de Galicia. Nesta zona do altiplano había un enorme lago ata hai uns 12000 anos, que ao desecarse deixou como vestixios un par de lagos máis pequenos, ademáis do salar de Uyuni e algún outro salar de menor tamaño. O sal forma unha corteza sólida que ten un grosor entre 10 cm e uns poucos metros, capaz de soportar sen problemas o peso dun coche. Por baixo desta dura corteza, vanse alternando capas de barro e salmuera ata unha profundidade de 120 m. Cando a capa superficial de sal se fractura, polas gretas emerxe a salmuera do fondo, que ao evaporarse provoca unha nova acumulación de sal nesas fendas. A repetición deste fenómeno fai que se formen as características figuras poligonais que cubren toda a superficie do salar.



O salar é completamente plano, pero sobresaen da súa superficie algunhas "illas", restos de volcáns que estaban sumerxidos no antigo lago. Non hai camiños establecidos e os coches poden circular por calquera lugar, como se navegasen en mar aberto. Incahuasi é unha desas illas, situada no centro do salar e cuberta de cactus xigantes coñecidos como cardón de la puna (Echinopsis atacamensis). A madeira destes cactus usábase moito nas construcións locais.








Pasamos un día enteiro atravesando en 4x4 a branca planicie do salar e a mañá seguinte entramos na Reserva de Fauna Andina Eduardo Avaroa, unha paisaxe totalmente diferente pero igual de inhóspita e surrealista. Esta é unha terra dominada por volcáns de cumios nevados e lagoas tinxidas de brillantes cores por microorganismos e depósitos de minerais. As montañas teñen distintos tons de vermello, marrón e amarelo e o forte vento erosiona as rochas dándolles formas estrambóticas. Este frío deserto, por incrible que pareza a primeira vista, está cheo de vida: centos de flamencos, de tres especies diferentes, habitan nas lagoas; as vicuñas, antecesores salvaxes das alpacas, pacen na escasísima vexetación; e o raposo andino persegue ás vizcachas, uns roedores moi parecidos aos coellos.
Pero aquí xurdiu un problema inesperado. A cámara fotográfica deixou de funcionar, repentinamente, a primeira hora da mañá. Todas as fotos desta marabillosa paisaxe foron tomadas co móbil, coa conseguinte perda de prestacións e calidade.

Laguna Colorada, chea de flamencos
Laguna Hedionda, con máis flamencos
Laguna Hedionda e flamencos




Exemplar de llareta (Azorella compacta), pranta que pode vivir miles de anos


O terceiro día madrugamos moito para chegar ao amencer a un área de grande actividade volcánica coñecida como Sol de Mañana, situada a 4850 m de altitude. Alí, a temperaturas baixo cero, vimos pozas de lodo burbulleante e géiseres e fumarolas que expulsan chorros de vapor quente. As fotos co móbil sairon moi mal, pero o lugar é ben bonito. Moi cerca de alí, refuxiámonos un ratiño do frío nunha piscina de augas termais.



Preto do volcán Licancabur, situado entre Bolivia e Chile, hai un pequeno e remoto posto fronteirizo onde nos deixou o noso 4x4. Alí nos agardaba unha furgoneta que nos trasladaría a San Pedro de Atacama, a unha hora de distancia e onde pasaríamos os trámites de entrada a un novo país, Chile.

Laguna Verde aos pés do Volcán Licancabur

5, 6 e 7 de agosto de 2015 A pequena cidade de Uyuni, á que chegamos en avión desde El Alto, serviunos de punto de partida para visitar as...

0 comentarios: