Un camiño inca que leva a Machu Picchu

agosto 14, 2015 deviaxe 0 Comments

26, 27, 28 e 29 de xullo de 2015


O imperio inca construíu unha extensa rede de camiños que comunicaban entre si todos os seus asentamentos, xa foran cidades ou simples postos de control. As comunidades próximas a eles eran as encargadas do seu mantemento, e cada poucos quilómetros había pousadas para o descanso dos viaxeiros. Tamén había un efectivo e  rápido servizo de "correos",  cuns mensaxeiros coñecidos  como "chaskis" que mediante un sistema de relevos transmitían información importante a calquera punto do imperio.

Coñécense moitos quilómetros destes camiños empedrados, pero moitos máis están ocultos baixo a vexetación. A maioría discorren por terreo moi montañoso e salvan os importantes desniveis con longos tramos de empinadas escaleiras, o que pode explicar que os incas non utilizasen a roda. 


O camiño inca máis coñecido, polo menos a nivel turístico, comeza preto de Ollantaytambo e chega a Machu Picchu a través de pasos de montaña e bosques subtropicais. Son en total uns 40 km que se percorren en 4 días e que é obrigatorio realizar cunha empresa autorizada para evitar o deterioro do propio camiño e dos numerosos xacementos arqueolóxicos que atravesa. As prazas dispoñibles agótanse rapidamente e en tempada alta é preciso reservar con seis meses de anticipación.
Nós fomos acompañados dun guía e cinco portadores encargados de transportar as tendas de campaña, a comida e o material de cociña. Por motivos de preservación do empedrado non está permitido o uso de animais de carga, e esa é a razón de que cada grupo conte con varios porteadores que transportan unha carga de 20 kg cada un e que se encargan tamén da cociña e da montaxe dos campamentos. As súas condicións laborais están reguladas, pero é un traballo moi duro polo peso que teñen que levar. 


O primeiro día, o camiño non é demasiado difícil nin longo, pero xa nos proporcionou a primeira das sorpresas que nos esperaban nas seguintes xornadas: o perfil ondulado das ruinas de Llactapata.



O segundo día de camiño é o máis montañeiro. Hai que subir un desnivel de 1200 m ata o paso de Huarmihuañusca,  situado a 4200 m sobre o nivel do mar. Non tivemos problemas coa altura pois estabamos xa moi habituados, pero aínda así fíxosenos duro subir coas nosas mochilas de 8 ou 9 kg á espalda. Os porteadores levaban máis do dobre de peso e chegaron antes que nós. 



A terceira xornada é a máis espectacular debido ao cambio radical que se produce na flora ao longo dos seus 18 km. Da escaseza de vexetación característica da alta montaña pasamos case sen decatarnos a exuberancia tropical da vertente amazónica andina. A cordilleira aparecía agora cuberta polo bosque ata os máis altos cumios, mentres que ao lonxe aínda podíamos disfrutar das vistas dos picos coroados de neve. 





A vexetación foi cambiando aparecendo especies típicas de zonas húmidas que non viramos antes.






Perfectamente integradas na paisaxe, ían aparecendo no camiño solitarias ruinas incas en lugares imposibles. As excelentes explicacións do noso guía facían que as puidesemos situar no seu contexto e tamén que comprendésemos que baixo a cuberta vexetal se agochaba moito máis do que podíamos ver. Falta presuposto para manter os xacementos limpos de vexetación, canto máis para facer unha escavación arqueolóxica seria que permita coñecer mellor ao pobo que foi quen de construir estes fascinantes lugares. Un cronista español da época da conquista describiuno da mellor forma posible: "coas súas construcións, os incas lograron humillar ás montañas". 

















O último día levantámonos moi cedo. Botamos a andar antes de que saíse o sol, sabendo que a camiñata sería corta. Así foi, pois en pouco menos de 2 horas chegamos a un pequeno paso de montaña cunha construción inca en forma de portal: o Inti Punku, ou porta do sol.  O que nos agardaba do outro lado era esta vista de Machu Picchu:


26, 27, 28 e 29 de xullo de 2015 O imperio inca construíu unha extensa rede de camiños que comunicaban entre si todos os seus asent...

0 comentarios: