Os pingüíns patagónicos

enero 10, 2016 deviaxe 0 Comments

29, 30 e 31 de decembro de 2015

Un autobús levounos de Puerto Natales a Punta Arenas, cidade chilena situada no Estreito de Magallanes. O motivo para vir ata aquí era visitar dúas das colonias de pingüíns que hai nestas costas. Na pequena illa Magdalena, a dúas horas de lento paseo en barco desde Punta Arenas, aniñan 80000 parellas de pingüíns de Magallanes (Spheniscus magellanicus).
 

As visitas están moi controladas, e só se pode pasear durante unha hora por un sendeiro balizado. Cada parella de pingüíns escava un tobo na terra onde normalmente incuban dous ovos. Só permanecen na illa entre outubro e abril, mentres están criando. Cando chegamos nós os polos eran grandes aínda que non tiñan plumaxe de adulto e non saían do niño. 







Os pingüíns viven acompañados por outras aves mariñas, como gaivotas e charráns, que tamén forman colonias numerosas e moi ruidosas. 




Mais complicado é o desprazamento ata a colonia de pingüíns rei (Aptenodytes patagonicus) de Bahía Inútil, ao outro lado do Estreito de Magallanes, xa en Tierra del Fuego. Esta especie de pingüíns, a segunda mais grande despois do pingüín emperador, so aniñaba na Antártida e illas austrais pero hai uns 10 anos un pequeno grupo estableceuse neste apartado lugar. Desde aquela a súa poboación crece lenta pero constantemente, e agora consta duns 130 individuos. 
 




Incuban un único ovo, que manteñen en equilibrio sobre os pés protexido por un pregue da barriga durante todo o proceso. Este comportamento evita que o ovo morra ao tocar o xeo cando aniñan na Antártida, aínda que aquí sería innecesario. 


Para poder ver os pingüins rei tivemos que cruzar dúas veces en ferry o estreito de Magallanes e conducir 300 km pola estepa patagónica, onde poden verse con facilidade manadas de guanacos e ñandúes.

Guanaco (Lama guanicoe)

Ñandúes (Rhea pennata)

29, 30 e 31 de decembro de 2015 Un autobús levounos de Puerto Natales a Punta Arenas, cidade chilena situada no Estreito de Magallanes....

0 comentarios: