A Suíza máis descoñecida

20, 21, 22, 23 , 24 e 25 de agosto de 2016

Nas últimas xornadas da nosa viaxe deixamos os roteiros de montaña para achegarnos a vilas e aldeas do norte e este suízo. Son rexións con moito menos turismo que as que visitáramos ata ese momento.


No norte, preto da fronteira con Alemaña, visitamos as Rheinfall, unhas cascadas no río Rin, e as cidades próximas de Schaffhausen e Stein am Rhein. Nelas destacan as vivendas dos séculos XVI e XVII con frescos nas fachadas e balcóns pechados, resultado do gusto pola exhibición da riqueza dos propietarios, así como outras casas con entramados de madeira, mais humildes no seu tempo pero que hoxe non resultan menos bonitas.



Stein am Rhein

Stein am Rhein

Stein am Rhein

Schaffhausen

Appenzell

De ahí continuamos cara o este, no cantón dos Grisóns, unha rexión remota fronteiriza con Austria, Liechtenstein e Italia que é a menos poboada de Suíza e a que conserva mellor o medio natural. Neste cantón fálase alemán e italiano, e nalgunhas zonas rurais aínda se usa o romanche ou retorrománico, unha lingua derivada do latín recoñecida como lingua oficial en 1996 grazas a un referéndum. As vivendas tradicionais tamén están profusamente decoradas, pero maioritariamente usan figuras de trazo e temática mais simple.

Werdenberg

Ardez

Guarda

Bergün

Tamén paramos a ver dúas igrexas da rexión con pinturas románicas. A primeira, o mosteiro de Son Jon en Müstair, é unha igrexa do século VIII e conserva frescos carolinxios e románicos.



A segunda, a igrexa de San Martino en Zillis ten no teito uns preciosos paneis de madeira do século XII pintados con monstros mariños e esceas da vida de Cristo e de San Martiño. Casualmente, durante a nosa visita estaba ensaiando unha orquestra de cámara para o concerto que ía ter lugar dous días despois, o que nos fixo desfrutar aínda mais deste extraordianrio conxunto artístico.



O último día da nosa viaxe pasámolo no Tesino, a zona de fala italiana de Suíza, situada a uns kilómetros de Milán e que ten un indubidable aire italiano tanto no patrimonio arquitectónico como no estilo de vida.

Bellizona ten tres castelos declarados Patrimonio da Humanidade

Comentarios