Queixo, medievo e rock & roll

10 e 11 de agosto de 2016

Castelo de Neuchâtel
Logo da nosa curta estancia en Xenebra, fixemos unha ruta en coche pasando por varias cidades e pobos que nos serviron de presentación da paisaxe urbana e rural deste país. Neuchâtel, Berna e Friburgo son tres pequenas cidades que poden presumir de ter uns cascos históricos moi ben conservados e cheos de vida. Están situadas na rexión central de Suíza, fóra da cordilleira alpina e presentan un relevo relativamente suave, polo que non se corresponden coa estampa tópica do país.
Estas poboacións parecen lugares agradables para vivir, con moitas rúas peonais, transporte público eficiente, comercio pequeno, edificios de varios séculos coidados e habitados, ...

Rúa Kramgasse en Berna

O río Aar ao seu paso por Berna
Estatua dun ogro comenenos nunha praza de Berna

 Sorprende ver pontes medievais de madeira polas que aínda pasan coches e autobuses, ou castelos que hoxe se utilizan como edificios administrativos. Semellan ter a súa historia integrada con naturalidade na vida cotiá.

Ponte medieval de Friburgo

Aforas de Friburgo

Fixemos a nosa seguinte parada en Gruyères, pequena aldea famosa no mundo enteiro polo tipo de queixo que producen. A fama e ben merecida, pois compramos un pedazo de queixo que resultou estar exquisito. Como curiosidade, o auténtico Gruyère é un queixo compacto e sen buratos producido unicamente nesta rexión de Suíza. Francia producía un queixo con buratos ao que tamén chamaban Gruyère, pero desde o ano 2010 a Unión Europea quitoulles o dereito de usar esta denominación.

Igrexa de Gruyères

Rúa principal de Gruyères

Á beira do lago Leman está Montreaux, nunha zona coñecida como a Riviera suiza, un destino clásico do turismo desde principios do século XIX que recibiu visitantes tan célebres como Lord Byron, Mary Shelley e Tolstoi.

Lago Leman desde Montreaux

No século XX moitas estrelas do rock mantiveron unha relación intensa coa vila, que recibíu atención internacional por protagonizar o éxito de Deep Purple "Smoke on the water", no que se relata un incendio ocorrido durante un concerto de Frank Zappa á beira deste lago, e que os membros da banda presenciaron desde o seu hotel. Posteriormente Queen instalou aquí o seu estudo de grabación e Freddy Mercury fixo deste lugar a súa segunda residencia, onde faleceu en 1991. Ademais desta longa tradición artística, Montreaux tamén ten un bonito castelo do século XIII emprazado sobre o lago.


Comentarios