Uns días tranquilos pola Dordoña

31 de xullo, 1, 2, 3 de agosto

Durante o mes de agosto estaremos de viaxe co noso coche polos Alpes, durmindo en tenda de campaña e repartindo as nosas xornadas entre facer sendeirismo e visitar pobos e cidades. A maior parte da viaxe pasarémola en Suíza, aínda que botaremos os primeiros días no suroeste de Francia, na rexión situada entre os vales dos ríos Garona e Dordoña.

Río Dordoña desde La Roque-Gageac

Rocamadour

Xa estivemos nesta zona de Francia no 2007, e como gardábamos un bo recordo dela e nos quedaba de paso para ir a Suíza, decidimos repetir. Esta é unha comarca rural, sen grandes núcleos de poboación nin grandes vías de comunicación, cun relevo suave atravesado por anchos ríos que flúen con calma. É unha zona moi tranquila, pouco coñecida fóra de Francia, na que a maioría dos visitantes son do propio país que veñen a pasear, andar en bici e facer actividades varias nos ríos: nós adicamos unha tarde a baixar en kayak 13 km do río Dordoña.

Os campos de xirasois son característicos da rexión
Pont Valentré en Cahors

 Ademais da paisaxe, a rexión conta con moitos pobos que aínda conservan o seu urbanismo medieval, emprazados en lugares escarpados á beira dos grandes rios. A campiña está salpicada de châteaux, construcións que tanto poden ser un auténtico castelo como pazos mais residenciais.


Saint-Cirq-Lapopie
Beynac

Sarlat

Sarlat

Tellados típicos

Beynac

Santuario de Rocamadour

Portada románica da catedral de Moissac

Ademais, aquí están moitas das covas con arte paleolítico mais importantes do mundo. Algúns topónimos da rexión dan nome a importantes períodos da prehistoria: Le Moustier, La Madeleine, Cromagnon, ... No magdaleniense, último período do paleolítico, a fabricación de ferramentas e as obras artísticas dos humanos alcanzan o seu máximo esplendor. É nese momento, hai uns 15000 anos, cando se realizan as pinturas de Altamira, Lascaux e moitas mais. Durante estes días visitamos catro destas covas, entre as que destaca Font de Gaume, última cova con pinturas polícromas que aínda está aberta ao público. Son pinturas no sentido mais artístico da palabra, con moitos detalles técnicos que dan fe da habilidade que posuían quenes facían estas obras, como o uso da perspectiva, a gradación de cor para crear volume, etc. A pesar de que se investigaron moitas hipóteses, non se sabe nin probablemente se saiba nunca cal era o significado ou propósito destas obras de arte.
Por motivos de conservación, as visitas están limitadas a un pequeno número de persoas cada día, e non se permite sacar fotos, así que se queredes ver fotos das pinturas, tedes que buscalas en internet.

No hay comentarios:

Publicar un comentario