A selva anubrada de Mindo

9, 10 E 11 DE ABRIL DE 2017  


A dúas horas de viaxe ao norte de Quito está Mindo, unha pequena vila rodeada de selva anubrada que conta como principal atractivo cunha grande variedade de aves e prantas, o que lle da sona mundial entre a xente afeccionada. Ata aquí viñemos en autobús de línea desde a capital ecuatoriana, para aloxarnos durante tres días na Hacienda San Vicente. Esta estancia posúe 200 hectáreas de selva das que unha pequena parte se poden percorrer por camiños e sendeiros sinalizados.



Os guatusos (Dasyprocta punctata) son grandes roedores moi fáciles de ver

Plantación de guaiabas na Hacienda

Falcón reidor (Herpetotheres cachinnans)

A selva anubrada de Sudamérica é un ecosistema que se caracteriza por estar nas ladeiras dos Andes, a unha altitude entre 1000 e 2500 m, e polo seu relevo montañoso, a diferencia da selva amazónica que é unha chaira case a nivel do mar. Polo tanto aquí as temperaturas non son tan altas e ademais boa parte da humidade ambiental procede das néboas que cubren as montañas, mentres que no Amazonas é produto da chuvia.




A pesar de que estamos ao final da estación de chuvia, tivemos sorte coa meteoroloxía e aproveitamos para levantarnos cedo e percorrer os sendeiros da Hacienda San Vicente en busca de fauna. O problema foi que non é doado ver os animais na frondosidade da selva. Podiamos escoitalos perfectamente, e aínda que sabiamos que estaban preto, poucas veces logramos localizalos. Vimos varios tucáns, que fan un barullo tremendo, ademais de outros paxaros, máis non logramos ver o esquivo oso andino.

Tucán del Chocó (Ramphastos brevis)

Pava crestada (Penelope purpurascens)

A selva é frondosa e espesa, e hai unha innumerable variedade de especies. Sobre os troncos e ramas de calquera árbore medran prantas trepadoras, orquídeas e bromelias, algunhas de gran tamaño, o que fai das grandes árbores un ecosistema en si mesmo.




Despois da camiñata de 4 horas pola selva, almorzamos no noso aloxamento mentres decenas de colibríes de distintas especies se alimentaban duns platos colgados no balcón. Non se debe alimentar á fauna salvaxe, pero aínda así pasamos un bó rato fascinados polos movementos frenéticos destes pequenos paxaros.






A natureza vinculada á selva é o maior atractivo de Mindo, que atrae turistas tanto de Ecuador como de outros paises. A pesar de ser un pobo pequeno, conta cun bó número de aloxamentos e actividades organizadas. Pareceunos moi interesante a visita que fixemos a unha fábrica artesanal de chocolate, onde aprendemos o proceso completo de elaboración, desde o fermentado, secado e tostado dos grans de cacao ata a cata de diferentes produtos finais.


Fermentación do cacao

Tamén visitamos un mariposario no que crían moitas das bolboretas da zona, e pódense ver as larvas, as crisálidas e, finalmente, as bolboretas voando.



9, 10 E 11 DE ABRIL DE 2017   A dúas horas de viaxe ao norte de Quito está Mindo, unha pequena vila rodeada de selva anubrada que...

0 comentarios: