Isabela, a gran illa dos cinco volcáns

18, 19 E 20 DE ABRIL DE 2017  


Deixamos o Golondrina por uns días para ir coñecer o sur da illa Isabela pola nosa conta. Esta é, con diferencia, a illa mais grande do arquipélago​, resultado da unión de varios volcáns aínda activos. Co tempo, a placa oceánica moverase cara América, o hotspot deixará de alimentar estes volcáns e a erosión do mar convertirá a Isabela en varias illas mais pequenas.
Unhas poucas rúas sen pavimentar dan lugar a Puerto Villamil, único núcleo de poboación de Isabela. É un sitio tranquilo, de aspecto tropical que vive totalmente volcado ao turismo. Desde alí poden facerse varias excursións interesantes, aínda que para case todas é obrigatorio ir acompañados dun guía por motivos de protección do medio natural.

Igrexa de Puerto Villamil con iconografía inspirada na natureza local

Tomamos unha lancha rápida para ir a Los Túneles, onde a erosión do mar sobre unha colada de lava creou un labirinto de túneis, arcos, columnas e cavernas baixo a auga. O snórkel aquí é excelente, con moreas de tiburóns durmindo nas grutas, enormes tartarugas mariñas movéndose paseniñamente á nosa beira e ata algún cabaliño de mar entre as raíces dos mangles. Desafortunadamente, a nosa cámara subacuática funcionou moi mal e as únicas imaxes submariñas que temos son as feitas polo guía que nos acompañaba.

Tiburóns de punta branca (Triaenodon obesus). Foto cedida pola empresa Rosedelco.

Tiburóns de punta branca (Triaenodon obesus). © Rosedelco.

Tiburóns de punta branca (Triaenodon obesus). © Rosedelco.

Tartaruga mariña (Chelonia mydas). © Rosedelco.

© Rosedelco

Despois do snórkel camiñamos un pouco polos arcos de lava, onde atopamos unha pequena colonia de piqueros de patas azuis levando a cabo a súa cómica danza de apareamento, consistente en asubiar mirando cara o ceo e ensinar as patas (as femias escollen aos machos coa cor azul máis viva).






O día seguinte fixemos unha longa camiñada polo volcán Sierra Negra, cunha caldeira de 10 km de diámetro e onde a última erupción ocorreu en 2005.


Continuamos un pouco máis ata Volcán Chico, unha zona de fisuras volcánicas e formacións de lava.


O noso último día en Isabela dimos un paseo pola costa por unha zona de humedais, manglares e praias desertas onde só estabamos nós acompañados de iguanas mariñas e multitude de especies de aves. Tamén atopamos no camiño unhas tartarugas, esta vez da subespecie característica do sur de Isabela.




Piqueros de patas azuis lanzándose en picado para pescar

Flamenco (Phoenicopterus ruber)

En Puerto Villamil tamén hai un centro de crianza de tartarugas, onde se adican a reproducir as 5 subespecies existentes na illa Isabela (unha por cada volcán). Destaca o caso do volcán Cerro Azul, que entrou en erupción en 1998 e puxo en perigo a toda a subespecie residente nel, así que foron rescatados 18 exemplares que se reproduciron en cautividade dando lugar a mais de 200 individuos novos nos primeiros dous anos.


18, 19 E 20 DE ABRIL DE 2017   Deixamos o Golondrina por uns días para ir coñecer o sur da illa Isabela pola nosa conta. Esta é, ...

0 comentarios: