Primeiros días nas illas Galápagos

12, 13 e 14 de abril de 2017


Estamos desfrutando dunha longa viaxe percorrendo as Illas Galápagos. Están situadas no océano Pacífico, a 1000 km de Ecuador, que é o país ao que pertencen. A súa orixe é volcánica, resultado da actividade dun hotspot ou punto quente, un fenómeno que tamén crea o arquipélago de Hawai e é a clave que explica a xeoloxía de Islandia. Illadas do resto do mundo, e sendo xóvenes en idade xeolóxica, a súa colonización por parte dos seres vivos da lugar a uns ecosistemas​ singulares​ caracterizados​ por incluír numerosas especies que só existen aquí e que son o resultado dunha adaptación a este entorno diferente ao do seu lugar de orixe. Logo de que Charles Darwin propuxera a súa teoría ​da evolución das especies​, o arquipélago fíxose mundialmente coñecido, aínda que nunca tivo poboación permanente ata o século XX, o que permitiu que este ecosistema estea relativamente ben conservado. Todas estas características fan das Illas Galápagos un lugar fascinante para calquera persoa, pero son especialmente interesantes para quen guste de ver fauna salvaxe.
O noso periplo comeza na illa de Santa Cruz, que​ acolle a maioría da poboación en Puerto Ayora, capital de facto do arquipélago. Camiñando pola rúa principal xa atopamos algunhas das especies mais ubícuas das Galápagos: iguanas mariñas e pelícanos. Na pequena lonxa do pescado, estes últimos compiten cun lobo mariño polos restos que lles dan desde os postos de venta logo de limpar o peixe. A situación é cotián pero deixa estupefactos a moitos turistas. Unha garza e algunhas gaivotas tamén se achegan, e incluso unha iguana mariña observa curiosa, a pesar de ser unha especie vexetariana.



Na primeira tarde visitamos a Estación Charles Darwin, unha ​fundación de investigación e protección ambiental que, entre outras cousas, mantén un centro de reprodución de tartarugas xigantes (Chelonoidis nigra). Existen 11 subespecies diferentes de tartarugas terrestres nestas illas, e dado que alguna delas están​ en perigo de extinción, a reprodución en cautividade é a única forma de que​ aumente a súa poboación.
Descubrimos tamén as chumbeiras xigantes (Opuntia echios gigantea) endémicas da illa de Santa Cruz. Estes cactus poden alcanzar 12 m de altura, pero sobre todo impresiona o seu tronco parecido ao dun piñeiro.


Un día despois camiñamos ata Bahía Tortuga, onde se mesturan areais, manglares e zonas rochosas habitados por fauna variada.







En contraste coa aridez da zona costeira, a 200 m de altura a humidade que traen os ventos mariños é suficiente para que medren árbores e pastos e o verde da vexetación domine a paisaxe. Este é o hábitat onde as tartarugas xigantes​ viven en liberdade, e puidemos ver algúns exemplares de gran tamaño comendo herba, camiñando lenta e pesadamente e bañándose nunha charca de lodo.






Nesta illa o seu caparazón ten forma semiesférica porque para comer herba non precisan levantar a cabeza e estirar o pescozo. Nas illas mais áridas aliméntanse de cactus, e dado que a comida está a maior altura a selección natural favoreceu aqueles individuos que poden​ estirar mais o pescozo e poden apoiarse en dúas patas sobre os cactus. Os seus caparazóns teñen forma de silla de montar, como o do Solitario George, que morreu en 2012 sendo o último exemplar da subespecie da illa Pinta e que agora está disecado no centro de investigación Charles Darwin. O mesmo Charles Darwin relatou como en 1835, durante a súa estancia na illa, o gobernador do arquipélago alardeou de poder saber de que illa procedía unha tartaruga pola forma do caparazón.

O taxi co que fomos ás terras altas tamén nos levou a ver un dos moitos túneis de lava que hai pola zona. Estes fórmanse cando se solidifica a superficie dun fluxo de lava mentres o interior segue circulando como un líquido ata drenarse completamente. A pesar de ter visto algún outro en Islandia e Hawaii, éste impresionounos polo seu​ tamaño e lonxitude, suficiente para que circulase por el un coche ou un camión.

Comentarios