Unha estrada panorámica

2 DE AGOSTO DE 2017  


Un dos xeitos que teñen os noruegos de promover o turismo no seu país é a través das rutas panorámicas, que non son mais que percorridos para facer co coche que pasan por diferentes puntos de interese e permiten desfrutar das vistas da paisaxe. A idea é simple pero eficaz: hai unha sinalización adecuada, mapas e web, e miradores e áreas de descanso con servicios básicos. Nos últimos anos dotáronse de infraestructuras moitas rutas ao longo do país, usando deseños arquitectónicos atrevidos que en moitos casos son adecuados pero noutros pretenden ser un atractivo en sí mesmo que distrae a atención da paisaxe que se pretende amosar. Por outra banda, a información sobre a natureza, a xeoloxía, a historia ou a cultura é case inexistente.
A nosa xornada comeza na igrexa de Lom, un templo de madeira do século XII que, aínda que bastante reformada no XVII, conserva uns bonitos dragóns orixinais no remate do seu tellado.




Logo comezamos unha ruta panorámica que nos levou a Geiranger, un pobo situado ao fondo do fiordo do mesmo nome. Esta pequena aldea de 250 habitantes é unha escala habitual dos grandes cruceiros que percorren os fiordos noruegos durante o verán, e recibe cada ano 600000 turistas chegados en autobuses e 150 enormes barcos de pasaxeiros.




Logo dalgunhas horas de coche e cruzar o fiordo en ferri, chegamos a Trollstigen, un tramo de estrada con curvas moi pechadas e estreitas. Estas estradas non son raras en Noruega pero neste caso vese moi ben o seu trazado desde un mirador no alto da montaña.


O día remata, coma sempre nun camping, durmindo en tenda de campaña. Somos nómadas, e pasamos cada noite nun lugar diferente. Todos os campings noruegos están en lugares idílicos, os servizos están moi ben e o prezo é razonable para un país bastante máis caro que o resto de Europa. Os edificios de servizos, seguindo a arquitectura tradicional do país, son de madeira e teñen nos tellados unha cuberta de turba que está, na maioría dos casos, literalmente a monte.

ETIQUETAS:

2 DE AGOSTO DE 2017   Un dos xeitos que teñen os noruegos de promover o turismo no seu país é a través das rutas panorámicas, que n...

0 comentarios: