A kasbah e o ksar no Atlas marroquí

29 DE DECEMBRO DE 2017  


Alugamos un coche en Marrakesh para comezar un circuito por Marrocos que nos levará a cruzar o Atlas, chegar ao deserto do Sáhara e continuar cara o norte do país para visitar outras cidades como Fez e Rabat.

En pouco máis de dúas horas atravesamos a cordilleira do Atlas polo porto de Tizi N'tichka (2267 m de altitude) e chegamos ao val do río Ounila. Como todos os ríos que corren desde as montañas cara o Sáhara, o seu caudal disminúe a medida que se achegan ao deserto e é raro ver un tramo onde corra a auga.


Aínda que a maior parte dos cauces están secos, pola súa anchura e morfoloxía é evidente que debe haber momentos nos que enormes volumes de auga circulan con forza depositando gran cantidade de sedimentos nas partes baixas. Supoñemos que estas avenidas saturan o subsolo creando reservas de auga que permiten vivir da agricultura a unha poboación moito mais numerosa do que se podería pensar a priori.


Á beira destes oued - que é como chaman aquí ao cauce destes ríos estacionais - hai numerosas aldeas de casas feitas de barro e case todas contan cunha o varias kasbah ou alcazaba. Nesta rexión a palabra kasbah designa as enormes casas fortificadas de orixe bereber onde residían as familias poderosas do lugar, sendo a maioría posteriores ao século XVII.


En Telouet visitamos unha kasbah que pertenceu ao pachá Glaoui, un xefe bereber que gobernou despóticamente Marrakesh e o sur de Marrocos en representación dos franceses durante a primeira metade do século XX. O edificio presenta un aspecto ruinoso no exterior, pero conserva en bo estado algunhas estancias interiores que dan conta do luxo e da ostentación coa que vivía este gobernante.





Descendendo da montaña chegamos a Ait Ben Haddou, unha antiga vila amurallada con decenas de casas sinxelas e varias kasbahs no seu interior. Estes conxuntos chamados ksar ou alcázar son moi comúns ao sur do Atlas e son anteriores ás kasbahs, contando algúns con moitos séculos de antigüidade.


O ksar de Ait Ben Haddou está moi ben conservado e pola súa espectacularidade foi usado como escenario para rodar numerosas peliculas. A maioría destas construccións non está habitadas na actualidade e a poboación vive agora en casas de nova construcción ubicadas á beira da estrada.




Neste ksar puidemos ver o interior dunha kasbah, que son escuras e frescas, con pisos e paredes de terra, cunha estructura labiríntica con multitude de estancias e habitacións repartidas en varias alturas.



ETIQUETAS:

29 DE DECEMBRO DE 2017   Alugamos un coche en Marrakesh para comezar un circuito por Marrocos que nos levará a cruzar o Atlas, cheg...

0 comentarios: