A Roma dos papas

23 AO 26 DE MARZO DE 2018  


Tras o gran incendio de Roma ocorrido no ano 64 o emperador Nerón desata unha cruel persecución dos seguidores do cristianismo, acción que repetirán outros emperadores ata que no 313 Constantino decreta a liberdade de culto no Imperio. A finais dese século Teodosio declara ao cristianismo relixión oficial do Imperio Romano e a cidade convértese na sede do poder cristián.
Como xa non teñen que ocultarse para celebrar os seus ritos, os cristiáns inician a construcción dos primeiros edificios para o culto, que copiarán a arquitectura das basílicas existentes nos foros das cidades romanas. O tempo fará que a palabra pase a designar aos principais edificios cristiáns, perdendo o seu significado orixinal.
Santa Maria a Maior é unha das igrexas mais antigas de Roma, e nela apreciase perfectamente o que se entende por planta basilical, formada por unha ou mais naves separadas por columnas. Foi construida no século IV e conserva desta época uns valiosos mosaicos.




Tras a caída do Imperio romano occidental a finais do século V, hai na cidade un vacío de poder que pouco a pouco van ocupando os papas, que se converten en gobernantes de facto da cidade. Durante a Idade Media vanse alternando períodos de decadencia con outros de prosperidade nos que o papado se apoiaba nos grandes reis que ían xurdindo en Europa.
A partir do século XV iníciase a época de maior esplendor e os papas gastan enormes sumas de diñeiro en obras de arte creadas por artistas como Miguel Ángel ou Bernini, que embelecen a cidade con prazas, fontes, estatuas, igrexas e palacios.

Plaza de España, territorio onde franceses e españois competían por celebrar as mellores festas

Fontana de Trevi

Campo dei Fiori coa estatua de Giordano Bruno, queimado por herexe nese lugar

Nesta época xurde o interese polas obras artísticas da Roma antiga e comezan a coleccionarse e reutilizarse pezas clásicas recollidas entre as ruinas. Os Museos Vaticanos e os Museos Capitolinos acollen numerosas obras procedentes destas coleccións. Os obeliscos exipcios, traídos por xenerais e emperadores máis de mil anos atrás para adornar circos e templos, volven a ser levantados nas renovadas prazas da cidade. En 1587 o papa Sixto V ordenou excavar o espazo que ocupara o Circo Máximo para buscar o enorme obelisco que o adornaba, e logo de ser atopado baixo 7 metros de terra foi colocado na praza de San Xoán de Letrán.

Obelisco do século XV a.C. en San Xoán de Letrán 

Piazza del Popolo con obelisco exipcio

A piazza Navona é unha das máis belas da cidade e nela, como en moitos outros sitios, mestúranse os distintos periodos da historia de Roma. Ocupa o solar dun estadio romano, do cal conserva a súa forma alongada, e acolle tres bonitas fontes barrocas.


Bernini deseñou a Fonte dos Catro Ríos e esculpiu persoalmente o león

Outro exemplo da reutilización de estructuras romanas é o castelo de Sant'Angelo, construido como mausoleo do emperador Adriano que pronto pasou a ser usado como fortaleza. Dende o século XII ata o XIX pertenceu aos papas, que tiveron que refuxiarse nel en máis dunha ocasión para protexerse de disturbios e invasións que sufríu a cidade.


A última xornada en Roma adicámola a visitar o Vaticano. A historia do lugar comeza co martirio de San Pedro no Circo Vaticano durante as persecucións de cristiáns ordenadas por Nerón. Parece que os restos do santo foron sepultados alí e o sitio converteuse nun lugar sagrado. Máis tarde o emperador Constantino mandou facer alí mesmo unha basílica en honor a San Pedro, que medrou ao longo dos séculos converténdose na sede da igrexa católica. No século XVI, o papa Xulio II decide derruir este complexo para edificar a actual Basílica e Praza de San Pedro, nas que traballaron ao longo dun século artistas como Bramante, Miguel Ángel e Bernini.


O resultado é impoñente polas súas dimensións e a súa decoración. A cúpula é enorme pero non logra superar en diámetro a do Panteón de Agripa. O interior está moi decorado con estatuas e cenotafios e o que parecen frescos son en realidade mosaicos de pequenas teselas.



A cúpula está a 137 m de altura respecto do chan

Ao fondo, o Papa León Magno convence a Atila para que non saquee Roma

Astrónomos explican a Gregorio XIII a reforma do calendario

Baldaquino de bronce de Bernini

Para rematar visitamos os Museos Vaticanos, que gardan obras de todas as épocas e lugares, pero que son difíciles de disfrutar pola excesiva cantidade de persoas que acude a eles atraídos pola fama da Capela Sixtina.


Rafael pintou a Escola de Atenas inspirándose na arquitectura da Basílica de Maxencio



ETIQUETAS:

23 AO 26 DE MARZO DE 2018   Tras o gran incendio de Roma ocorrido no ano 64 o emperador Nerón desata unha cruel persecución dos segu...

0 comentarios: