Bolonia

28 DE MAIO DE 2018  


Bolonia é a capital da rexión de Emilia-Romagna, situada no norte da península italiana e que disfruta dun nivel socioeconómico que está entre os máis altos do seu país e de Europa. Carece de grandes monumentos que sirvan de atractivo a grandes masas de turistas, pero aínda así é unha cidade interesante, tendo en conta que se pode conseguir un voo desde Vigo por 65 €.


Nesta cidade fundouse a universidade máis antiga do mundo no ano 1088, o que marcou o devenir histórico de Bolonia para sempre, pois adquiriu un grande prestixio en toda Europa durante a Idade Media e recibiu un fluxo constante de estudantes de todos os países. No século XVI foi construído o palacio do Archiginnasio, que funcionou como sé da universidade ata o século XIX. Hoxe acolle unha importante biblioteca e poden visitarse varias aulas históricas, entre as que sobresae o Teatro Anatómico, onde se practicaban diseccións humanas que os estudantes seguían desde as gradas.




Os teitos e paredes das estancias do Archiginnasio están cubertas con escudos heráldicos das familias de estudantes e profesores que pasaron por alí.



Un dos sinais de identidade de Bolonia son as súas rúas cubertas de soportais. Foron aparecendo no medievo para aumentar o tamaño das vivendas sen ter que ocupar a rúa, e consolidáronse no Renacemento grazas a un decreto que obrigaba a construir así todas as casas. Con 40 km de lonxitude repartidos polo casco antigo, Bolonia está considerada como a cidade do mundo con máis soportais.


O outro sinal de identidade son as altas e estreitas torres medievais, testemuñas dunha época onde as familias poderosas alardeaban da súa riqueza competindo por construir a torre máis alta da cidade. Esta forma de exhibir o poder entre a nobleza foi unha auténtica moda no centro de Italia nos séculos XII e XIII. A inmensa maioría cairon ou foron demolidas, pero aínda quedan moitas repartidas pola rexión. En Bolonia destacan a parella de torres Garisenda e Asinelli, pois a primeira está notablemente inclinada desde hai 600 anos e a segunda ten 97 m de altura.




E como sempre que vimos a Italia, desfrutamos da gastronomía. En todos os restaurantes ofrecen pasta ao ragú, que é unha salsa de carne de tenreira guisada con algo de tomate que pouco se parece ao que no resto do mundo se coñece como salsa boloñesa. A que probamos nós estaba exquisita e xustifica a sona que acadou esta salsa.
ETIQUETAS:

28 DE MAIO DE 2018   Bolonia é a capital da rexión de Emilia-Romagna, situada no norte da península italiana e que disfruta dun nivel...

0 comentarios: