Dous días en Estonia

25  E 26 DE AGOSTO DE 2018  


En Estonia seguimos un plan semellante ao que fixemos en Letonia, adicando sendos días á ver o un dos seus parques naturais e a súa capital, Tallín. A paisaxe destas repúblicas é bastante monótono e, fóra de vilas e cidade, consiste nunha chaira cuberta de bosque de coníferas interrumpida ocasionalmente por prados para pasto e granxas illadas. O parque natural de Lahemaa é representativo do que é o entorno natural aquí. O bosque de coníferas chega á beira do mar, onde non hai cantís ou desniveis, e todo o terreo da franxa costeira está ao nivel da auga. Toda a costa aparece salpicadas de bloques erráticos, pedras que chegaron ata aquí desde Finlandia a lombos dos glaciares que cubrían estas latitudes ata hai 10000 anos.





Nas zonas pantanosas os bosques ceden paso ás turbeiras, lugares nos que a falta de osíxeno na auga dificulta a descomposición da materia orgánica, que se vai acumulando ata formar unha branda alfombra. Unha pasarela de madeira permitiunos camiñar por este delicado lugar, no que a vexetación crece con dificultade pola pobreza do medio.


As mansións señoriais son características de Estonia

O centro de Tallín é un conxunto de casas medievais de estilo xermánico que dan fe do seu pasado comercial, pois foi unha importante cidade da Liga Hanseática. Esta era unha federación de cidades do norte de Europa dirixida por mercaderes alemáns que controlaban o comercio neste espazo xeográfico entre os séculos XIII e XVI.











Conserva en bo estado unha muralla con moitas torres que defenderon á cidade no pasado, resistindo incluso o asedio do zar Iván o Terrible no século XVI. Sen embargo, en 1710 foi conquistada aos suecos polo zar Pedro o Grande, dentro da súa política de expansión polo Báltico, e a historia posterior é case a mesma que a de Letonia.



En Tallín rematamos esta viaxe que nos levou pola Europa do Leste durante algo máis dun mes. Países nos que a poboación sufriu avatares históricos terribles pero que nas últimas décadas van deixando atrás a pobreza e nos fan ver que é posible vivir en paz e liberdade. Gustounos andar por aquí e moi posiblemente voltaremos a algún destes sitios.
ETIQUETAS:

25  E 26 DE AGOSTO DE 2018   En Estonia seguimos un plan semellante ao que fixemos en Letonia, adicando sendos días á ver o un dos se...

0 comentarios: