O delta do Danubio

11 E 12 DE AGOSTO DE 2018  


Tras atravesar a Transfăgărăşan dirixímonos a Tulcea, unha vila da ribeira do Danubio situada no brazo principal do seu delta. O río chega ao Mar Negro logo de cruzar media Europa cara o leste, onde os sedimentos fluviais son depositados para formar o segundo delta mais grande do continente, despois do delta do Volga.
O Danubio sepárase en tres brazos principais que pertencen a Rumanía, constituíndo o brazo do norte a fronteira natural con Ucraína. Numerosas canles, illas e lagoas compoñen este conxunto que é un dos ecosistemas mais valiosos e singulares de Europa.



Un estudo recente estima que un 40% da superficie actual do delta é consecuencia da deforestación producida en Europa ao longo do último milenio, e que as partes mais vellas datan de hai uns 6000 anos. Por outra banda, a construcción de embalses e o dragado das canles nos útimos dous séculos fan que a erosión volva a ser dominante e supoña un factor de degradación importante.
En Tulcea hai un importante porto fluvial con barcos de certa tonelaxe, algo que costa asumir aos que sempre vinculamos barcos con mar aberto. Contratamos o noso primeiro paseo fluvial nun bote de 12 prazas, que nos levaría durante un día por canles do delta para ver fauna e paisaxe. A pesar da calor, a auga de cor verde pardo non convida ao baño, e o de Danubio azul parece unha broma do romanticismo. Facemos gran parte do percorrido por cauces delimitados por salgueiros de grandes dimensións, que nalgúns puntos deixan entrever que ao outro lado do bosque segue a haber mais auga.



Moitas das aves que habitan o delta son as mesmas que vemos nos nosos ríos, mares e humedais pero en maior número: garzas e garcetas, cormoráns, galiñas de auga, patos e gaivotas. As que marcan a diferencia son tamén as de maior tamaño: cisnes, gansos e pelícanos.





Logo dun día de navegación, non nos desprazamos case nada polo delta, que é enorme: o Mar Negro está a 50 km de distancia e resúltanos inviable achegarnos á desembocadura. O que hai desde aquí ata a costa é inaccesibe en coche, polo que a economía local depende do transporte fluvial para funcionar, algo que só vimos anteriormente no gran Amazonas.
Trasladámonos logo a Murighiol, unha pequena localidade do brazo sur do delta na que fixemos outro pequeno paseo polo río, algo mais pausado e nun bote mais pequeno. Con esta embarcación accedimos ao interior dalgún lago, onde a paisaxe é mais ampla e grandes extensións de xuncos, carrizos e nenúfares substitúen en boa medida aos salgueiros.








O colofón desta fantástica experiencia veu da man da gastronomía local. A primeira excursión que fixemos incluía no prezo a comida, aínda que non sabíamos moi ben en que consistía. Ao mediodía, o noso capitán atracou nunha illa do delta e desembarcamos nun chiringuito onde, sen apenas explicacións - alí só falaban rumano - servíronnos unha caldeirada de peixe ao estilo do Danubio que estaba exquisita, ademais de sopa, peixe fritido e unha salsa de allo espectacular. Non sabemos que peixes eran, pero sospeitamos de diferentes variedades de carpa.

ETIQUETAS:

11 E 12 DE AGOSTO DE 2018   Tras atravesar a Transfăgărăşan dirixímonos a Tulcea, unha vila da ribeira do Danubio situada no brazo pr...

0 comentarios: