San Petersburgo, capital dos zares

19, 20 E 21 DE AGOSTO DE 2018  


A principios do século XVIII o zar Pedro I o Grande entendeu que Rusia necesitaba unha saída ao mar para comerciar co resto de Europa. No sur o Mar Negro estaba baixo dominio do Imperio Otomano e no norte o ártico conxélase no inverno, así que só lle quedaba a opción do oeste, o Mar Báltico. Na desenbocadura do río Neva había un asentamento sueco, polo que o zar declaroulle a guerra a Suecia, botounos da rexión e construiu desde cero unha nova cidade que se chamaría San Petersburgo. En 1712, nove anos despois de iniciarse a construción, trasladou alí a capital desde Moscú.


Escudo do Imperio Ruso na porta de acceso ao Forte de San Pedro e San Pablo, primeira construcción de San Petersburgo

Catedral do Forte de San Pedro e San Pablo, onde están enterrados os zares

Ao comezo do seu reinado o zar viaxara moito por Europa occidental e quedara impresionado pola cultura e costumes do oeste, que consideraba en moitos aspectos superiores á tradición rusa. Iniciou unha época de modernización cultural do país importando coñecementos e modas occidentais, o que marcou completamente a construcción da nova cidade. A zona era pantanosa e desde o inicio construíronse canles de navegación como os que Pedro I vira nos Paises Baixos, o urbanismo foi planificado e adquiriu un claro estilo barroco semellante ao europeo. Isto fíxose cun alto custe humano polas duras condicións de traballo, o clima e a falta de recursos, obrigando a decenas de miles de obreiros a desprazarse ata alí. Estímase que a metade morreron durante as obras.






Desde San Petersburgo os zares e zarinas gobernaron un imperio que foi medrando durante dous séculos ata a súa caída coa revolución bolchevique. No corazón da cidade levantaron o enorme Palacio de Inverno, con máis de 1000 habitacións e cunha decoración luxosa e exquisita como poucos. Despois da revolución rusa o Palacio de Inverno convertiuse nunha das sedes do Museo Hermitage, un dos mais importantes do mundo pola inmensa colección de obras de arte que acolle.









A colección de arte do Hermitage foi iniciada en 1764 por Catarina II a Grande, emperatriz que tiña interese nas artes e as ciencias, e ampliouse ao longo dos anos aínda que só era ensinada a persoas selectas. En 1852 o zar Nicolás I inaugurou a primeira galería de arte pública de Rusia, na que se podia ver unha pequena fracción desta colección imperial. Tras a revolución a colección medrou moito máis ao incorporar coleccións privadas expropiadas a familias poderosas de Rusia.
Hoxe o Hermitage exhibe obras en 6 edificios e recibe cada ano 4 millóns de visitantes. Pasamos un dia enteiro no museo e quedáronnos sen ver a maioría das salas.



Edificio do Estado Mayor, un dos que compoñen o Museo Hermitage

O goberno absolutista dos zares comezou a ser fortemente cuestionado a mediados do século XIX, pero estes nunca aceptaron ceder á sociedade parte do seu poder, como se viña facendo no resto de Europa. En 1881 un dos numerosos movementos políticos de oposición asasinou cunha bomba ao zar Alexandro II nunha rúa de San Petersburgo. O seu fillo decidiu honralo levantando nese mesmo lugar a Igrexa do Salvador Sobre o Sangue Derramado, que ten certa semellanza coa Catedral de San Basilio de Moscú.



O clima de tensión política culminou en 1917 co triunfo da revolución bolchevique e a execución do último zar e de toda a súa familia directa. O novo goberno revolucionario trasladou a capital a Moscú e neste novo período en San Petersburgo non se fixeron obras nin edificos destacados, polo que conserva moi ben o carácter imperial. Unha excepción foi a rede de metro, máis discreta que a de Moscú pero que conta cunha das estacións máis bonitas de Rusia.


Columnas forradas con relevos de vidro


Estación dedicada á ciencia rusa. No medallón, o matemático Lobachevski.
ETIQUETAS:

19, 20 E 21 DE AGOSTO DE 2018   A principios do século XVIII o zar Pedro I o Grande entendeu que Rusia necesitaba unha saída ao ma...

0 comentarios: