Sibiu e a estrada Transfagarasan

8 E 9 DE AGOSTO DE 2018  


Das 7 cidades fundadas polos saxóns en Transilvania, Sibiu foi a mais importante no seu tempo. En 2007 exerceu de capital europea da cultura e o seu centro histórico é dos mais bonitos e agradables dos que visitamos en Rumanía. Carece de grandes monumentos que actúen como polo de atracción de visitantes, pero o conxunto urbano que rodea a Piaţa Mare e a veciña Piaţă Mică - Praza Maior e Praza Pequena -  ten un encanto evidente.

Piaţa Mare 

Piaţă Mică

Piaţa Mare 

Nos tellados das casas ábrense unhas ventás a modo de lucernarios típicas da arquitectura saxona de Transilvania, que semellan ollos observando desde o alto. Klaus Iohannis, pertencente á minoría saxona, foi alcalde de Sibiu desde 2000 e logrou un grande éxito político coa xestión municipal, que o levou en 2016 a conquistar a presidencia do país.



Preto de Sibiu parte a estrada coñecida como Transfăgărăşan ou DN7C - Drumul Naţional 7C - que atravesa o sur dos Montes Cárpatos unindo Transilvania e Valaquia. Foi construída a principios dos 70 baixo o mandato de Ceauşescu, que temeroso tras a invasión soviética do 68 en Checoslovaquia, quería mellorar a súa defensa fronte unha hipotética intervención da URSS en Rumanía. O exército encargouse de executar a obra e dise que lle custou a vida a centenares de traballadores. Atravesa o sur dos Cárpatos polos montes Făgăraş, e péchase durante o inverno e a primavera pola neve. As numerosas e pechadas curvas xunto coas bonitas vistas de montaña atraen hoxe a moitos turistas nacionais e estranxeiros co único obxectivo de circular pola estrada.




Nós aproveitamos para subir en teleférico ata o lago Bâlea, e descender camiñando os 1000 m de desnivel que nos separaban do punto de partida. O traxecto discurría por un solitario val diferente ao bullicioso da Transfăgărăşan, e nas herbeiras da parte alta atopamos unha familia de rebecos (Rupicapra rupicapra) que tardaron en escapar de nós. Na parte mais baixa o camiño discurría por un bosque de píceas típico desta cordilleira pero coas rochas cubertas de grosas capas de musgos como poucas veces vimos.






ETIQUETAS:

8 E 9 DE AGOSTO DE 2018   Das 7 cidades fundadas polos saxóns en Transilvania, Sibiu foi a mais importante no seu tempo. En 2007 exer...

0 comentarios: