Un breve percorrido por Letonia

23 E 24 DE AGOSTO DE 2018  


Tras un cómodo traxecto en autobús desde San Petersburgo e dúas horas de trámite na fronteira, chegamos a Tallin, capital de Estonia, para iniciar un corto percorrido por dúas das repúblicas bálticas. Estonia, Letonia e Lituania teñen cada unha identidade cultural propia, marcada principalmente por diferencias lingüisticas e relixiosas, pero a súa proximidade xeográfica e o seu devir histórico paralelo fixo que se fale delas como estados vinculados dalgún xeito.
Durante séculos estes territorios sufriron invasións dos seus veciños máis poderosos, e foron cambiando de mans entre alemáns, polacos, suecos e rusos. Nos séculos XVIII e XIX formaron parte do imperio ruso, situación que tamén sufriu Finlandia. Tras a I Guerra Mundial e a revolución rusa, estes catro territorios proclamaron por fin a independencia, aínda que lles ía durar só 20 anos. Despois  da II Guerra Mundial as tres pequenas repúblicas bálticas foron incorporadas forzosamente á Unión Soviética mentres que Finlandia conseguiu seguir como un estado autónomo. Coa desintegración da URSS en 1991 estas repúblicas recuperaron a súa independencia e logo dun período de crise económica integráronse na Unión Europea e lograron alcanzar un alto índice de desesenvolvemento humano.
Durante dous días viaxamos por Letonia, un pequeno país de 2 millóns de habitantes cun tamaño que ven sendo o dobre que o de Galicia. Estivemos en Riga, a súa capital, e no parque natural de Gauja, onde hai varios castelos en ruinas e pobos que conservan a arquitectura tradicional de madeira, no medio de bosques de piceas e caducifolias.





Un tercio da poboación de Letonia vive en Riga, que foi unha gran cidade comercial primeiro baixo o dominio alemán, logo sueco e finalmente ruso. No casco histórico consérvanse moitas casas de comerciantes e as sedes dos gremios que os reunían. A finais do XIX e comezos do XX a cidade experimentou unha explosión demográfica e construíronse moitos edificios de estilo Art Nouveau, que era o que estaba de moda daquela.






Rañaceos construido na época soviética, hoxe acolle a Academia de Ciencias 

O máis chamativo de Riga é o mercado que hai instalado en 5 antigos hangares de zepelíns que os alemáns construíron durante a I Guerra Mundial.



ETIQUETAS:

23 E 24 DE AGOSTO DE 2018   Tras un cómodo traxecto en autobús desde San Petersburgo e dúas horas de trámite na fronteira, chegamos ...

0 comentarios: