A península de Peljesac e a cercana illa de Korčula

17 E 18 DE ABRIL DE 2019  


O noso seguinte destino é a península de Peljesac, situada ao sur de Croacia, e o conxunto de illas que a rodean. Curiosamente, esta rexión non está conectada co norte do país, pois unha pequena franxa de costa adriática de menos de 10 km pertence a Bosnia Herzegovina, constituíndo a única saída ao mar dese país. Aínda que non hai ningún problema en saír de Croacia e volver a entrar uns minutos despois, preferimos coller un ferri que nos deixou preto de Orebić, unha pequena vila costeira na que andaban a prepararse para a tempada turística de verán.
Desde Orebić saímos a camiñar cara Sveti Ilija - San Elías -, unha cima de 960 m de altitude que forma parte dun macizo montañoso que se levanta abruptamente desde o mar, onde nos esperan espectaculares vistas da costa da rexión.


Vista de Korčula subindo a Sveti Ilija
Ao inicio da dura subida atopamos un sorprendente bosque autóctono de cipreses, piñeiros e outras especies, que foi desaparecendo a medida que asccendíamos pola ladeira. Na cima a paisaxe era moi árida e rochosa, un fenómeno propio de montañas de rocha caliza como estas, pois ao estar furada por fendas e covas a auga non pode quedar retida nas partes máis altas.



Xa de volta en Orebić, tomamos un ferri que nos levou en 15 minutos a Korčula, a máis grande das 50 illas que compoñen o arquipélago da Dalmacia central.

Korčula desde o ferri

Korčula é tamén o nome da capital da illa, unha antiga cidade fortificada que se percorre en media mañán paseando polo tranquilo casco histórico.


Catedral de San Marcos en Korčula



Retornamos á península de Peljesac e continuamos cara o seu extremo sur, onde tomaríamos un novo ferri que nos levaría á illa de Mljet. Pero antes paramos en Ston e camiñamos pola súa longa muralla medieval, construída no século XIV para protexer as valiosas salinas da vila, que aínda hoxe continúan producindo.


ETIQUETAS:

17 E 18 DE ABRIL DE 2019   O noso seguinte destino é a península de Peljesac, situada ao sur de Croacia, e o conxunto de illas que ...

0 comentarios: