O palacio de Diocleciano en Split

16 DE ABRIL DE 2019  


Diocleciano foi un emperador romano dos séculos III e IV que pasou á historia por dividir por primeira vez o imperio e pola feroz persecución do cristianismo. Foi o primeiro en abdicar do cargo de forma voluntaria, e para o seu retiro decidiu voltar á súa Dalmacia natal e construir un enorme palacio no que hoxe é a cidade de Split. O palacio era como unha cidade fortificada, co seu perímetro rectangular rodeado de altas murallas e un interior dividido como unha típica cidade romana: dúas rúas principais perpendiculares unían as catro portas que tiña a muralla.

Porta norte

Porta este

Porta oeste

Algúns séculos despois, cando toda a estructura militar e política do imperio xa desaparecera, a poboación local ocupou o palacio e aproveitaron os muros existentes para facer as súas casas, edificando unha cidade medieval sen destruir os edificios romanos. Todavía hoxe vive xente en casas con arcos e columnas romanas, e todo o palacio é un fervedeiro de actividade, entre turistas e lugareños.




Moitas estructuras foron adaptadas ao longo dos séculos para novos usos, o que explica o seu bo estado de conservación. O mausoleo de Diocleciano foi profanado polos cristiáns, que o adaptaron para usalo como catedral desde aquela. A principal praza deste peculiar casco antigo ocupa o peristilo do palacio, que era un amplio patio con arcos e columnas que daba acceso a outras estancias. Aquí consérvase unha esfinxe de granito negro do século XV a.C, que foi traída de Exipto cando se construiu o palacio. Nese momento a esfinxe era tan antiga para os romanos como hoxe é para nós o propio palacio.





Praza medieval, fora do palacio de Diocleciano

Cando deixamos Split achegámonos ás ruinas da fortaleza de Klis, un dos moitos escenarios croatas onde se rodaron esceas da serie Xogo de Tronos, e rematamos o día paseando por unha típica praia adriática de pequenos cantos rolados e augas transparentes.


O río Cetina, preto da súa desembocadura en Omiš


ETIQUETAS:

16 DE ABRIL DE 2019   Diocleciano foi un emperador romano dos séculos III e IV que pasou á historia por dividir por primeira vez o im...

0 comentarios: