As montañas de Montenegro

30 E 31 DE XULLO E 1, 2 E 3 DE AGOSTO DE 2019  


Entramos en Montenegro por un paso fronteirizo de montaña desde a República Srpska, a entidade autónoma dos serbios dentro de Bosnia e Herzegovina. Puxeron mala cara cando viron as fotocopias da docuentación do noso coche de aluguer, pero deixáronnos pasar. Uns metros máis adiante, os gardas de Montenegro tamén puxeron mala cara, foron pasándose a pelota entre eles e finalmente o que falaba inglés levounos á oficina. Alí tivemos que facer un seguro de fronteira para o coche por 15 € e finalmente puidemos entrar no país.


Este pequeno país ex-iugoslavo, de 600000 habitantes e unha superficie pouco maior que a provincia de Lugo, pasou o século XX sometido a Serbia, alineándose con estes durante todo o proceso da desmembración de Iugoslavia. Tras as guerras balcánicas seguíu unido a Serbia nun estado federal, polo que sufriu as sancións económicas impostas a Belgrado e a economía montenegrina padeceu enormes perxuicios. En 2006 lograron independizarse pacíficamente de Serbia,  adoptaron o euro como moeda oficial (aínda que non forman parte da Eurozona), entraron na OTAN e están a espera de ingresar na Unión Europea, ao igual que outros países balcánicos como Albania, Macedonia do Norte, Bosnia e Herzegovina e incluso Serbia.



Logo do mal rato na fronteira, enfrentamos a paisaxe que nos acompañaría durante uns días: montañas verticais, ríos encaixonados, lagos, mestos bosques, estradas sinuosas e pequenas poboacións aquí e alá. O norte de Montenegro está ocupado polos Alpes Dináricos, unha cadea de montañas que a pesar de non alcanzar as altitudes dos Alpes centroeuropeos conforman un relevo moi escarpado de apariencia maxestuosa.





Adicamos unhas xornadas a camiñar por 3 dos 5 parques nacionais do país, facendo pequenos paseos e rutas de senderismo sen ningunha dificultade mais alá do esforzo físico que supón. A maioría destas camiñatas fixémolas no parque nacional de Durmitor, pero a nosa preferida foi nas Montañas Malditas, no parque de Prokletije, na fronteira con Albania.

Á esquerda, Montenegro; á dereita, Albania


Pretendíamos disfrutar tamén das Montañas Malditas no lado albanés, pero o noso plan frustouse por non ter a documentación orixinal do coche. Ao policía de fronteira albanés non lle valeu a fotocopia que levabamos e mandounos dar volta cara Montenegro. E no posto montenegrino volvimos pasar apuro porque o mesmo axente que nos acababa de autorizar a saída torcía a cabeza para permitirnos novamente a entrada. Por un momento pensamos que quedabamos bloqueados en terra de ninguén, e sentimos moito alivio cando finalmente volvimos a Montenegro. Tivemos que reorganizar todo o plan da viaxe, pois contabamos con estar mais de unha semana en Albania.

Así, puxemos rumbo cara a turística costa de Montenegro, pero antes pasamos polo Parque Nacional do Lago Skadar. Percorremos co coche as estreitas e retorcidas estradas que bordean o lago e sorprendímonos ao atopar por tres veces tartarugas terrestres cruzando a calzada.



ETIQUETAS:

30 E 31 DE XULLO E 1, 2 E 3 DE AGOSTO DE 2019   Entramos en Montenegro por un paso fronteirizo de montaña desde a República Srpska, a...

0 comentarios: