Bosnia, unha nación multicultural

25, 26 E 27 DE XULLO DE 2019 


A historia de Bosnia e Hercegovina sempre estivo e estará ligada á dos seus veciños balcánicos cos que comparte a orixe eslava. Pero Bosnia adquire unha identidade propia a partir do século X, cando se constitúe como un reino independente baixo á influencia do reino de Hungría. As fronteiras deste reino medieval de Bosnia eran semellantes ás fronteiras do estado actual.

Necrópolis medieval de Radimlja

A partir do século XV é conquistada polo Imperio Otomano - que chegará a estenderse desde o Golfo Pérsico ata as portas de Viena - e durante o seu longo declive posterior conservará Bosnia prácticamente ata a súa desintegración. Nos catro séculos que os otomanos gobernaron en Bosnia introduciron a relixión e a cultura musulmana, transformaron a economía e a sociedade, fundaron cidades e levantaron edificios e infraestructuras que en moitos casos se mantiveron ata a guerra dos 90. Como esta culturización se fixo de forma relativamente tolerante, Bosnia convertiuse nun espazo multiétnico onde os musulmáns conviviron con cristiáns (católicos e ortodoxos) e xudeus.

Tekke de Blagaj, mosteiro musulmán fundado no século XVII

Pocitelj

Durante o século XIX as tensións sociais e nacionais debilitan enormemente o poder dos otomanos en Bosnia, o que é aproveitado polo Imperio Austro-húngaro para estender o dominio que xa exercía sobre as veciñas Croacia e Eslovenia. Cos austro-húngaros chega a revolución industrial e a modernidade, relaxando en parte estas tensións sociais pero que non apaciguarán as demandas de Serbia para incorporar Bosnia a unha gran nación eslava.

E chegamos ao terrible século XX - relatarémolo no próximo post - que comeza aquí en 1914 co asasinato do herdeiro do Imperio Austro-húngaro en Saraxevo a mans dun comando serbio, dando inicio á I Guerra Mundial, e remata en 1995 co acordo de paz de Dayton, do que nace o actual estado de Bosnia e Hercegovina.

Entramos no país desde Croacia por estrada, pasando ese trámite case esquecido de facer cola e ensinar os pasaportes.
Detivémonos na pequena vila de Jajce, antiga capital do reino medieval de Bosnia, que ten unha bonita fortaleza na cima e unha gran fervenza no perímetro urbano.




A crónica da última guerra en Jajce é un dos  exemplos de como sucederon os enfrontamentos en todo o pais: en 1992 os serbo-bosnios (de relixión cristiana ortodoxa) asediaron a cidade e bombardearona con artillería, obrigando aos 40000 habitantes bosnio-croatas (católicos) e bosníacos (musulmáns) a fuxir baixo as bombas. Os atacantes posteriormente destruiron case todas mezquitas e igrexas católicas e ocuparon a cidade ata 1995, cando o exército bosnio-croata recuperou o poder. Unha turba de bosnio-croatas impediu o regreso dos musulmáns durante semanas, ata que as presións internacionais tiveron efecto.

Conducindo cara Mostar paramos en Jablanica, para ver a curiosa estampa dunha ponte ferroviaria destruida na II Guerra Mundial durante a ofensiva do Rio Neretva.


E tamén nos achegamos aos muiños do río Pliva, que tiñan un funcionamento semellante aos muiños que se poden ver na nosa terra, aínda que estes están construídos totalmente en madeira.


A diferencia de Jajce, Mostar adquire relevancia coa chegada dos otomanos, que constrúen a famosa ponte en 1566. Durante a II Guerra Mundial tivo lugar unha  gran deportación e posterior xenocidio de poboación xudea e serbia por parte dos ustachis, un rexime fascista de croatas aliados cos nazis.


Na recente guerra a historia cambia: tras a victoria croata sobre os serbios a cidade queda moi danada, con todas as pontes da cidade demolidas excepto a otomana. Posteriormente os croatas asedian con artillería aos bosnios durante meses, e destruirán a ponte como parte da súa estratexia. A guerra en Mostar custoulle a vida a unhas 2000 persoas.
A maioría das infraestruturas e construcións do pais foron reparadas e case non quedan á vista as feridas da guerra. Os monumentos como a ponte de Mostar ou moitas das mezquitas e igrexas foron reconstruídos na medida do posible, pero perdeuse moito do patrimonio cultural do país, sendo evidente que isto foi unha estratexia intencionada de serbios e croatas para borrar a historia e cultura que non veían como propia. Hoxe a cidade antiga está en mans do turismo de souvenirs e terrazas, e a vella ponte está sempre abarrotada.




Un edifício danado durante a guerra que aínda non foi reparado

Tanto en Mostar como nos arredores puidemos visitar diferentes enclaves. Na cidade entramos nunha mezquita e subimos ao seu minarete, xa que a rama do Islam que seguen en Bosnia non impede que os infieis entren nos seus templos. Tamén vimos unha antiga casa dunha poderosa familia otomana, moi ben conservada.






ETIQUETAS:

25, 26 E 27 DE XULLO DE 2019  A historia de Bosnia e Hercegovina sempre estivo e estará ligada á dos seus veciños balcánicos cos...

0 comentarios: