Os Alpes Dolomitas, as montañas verticais

22 AO 27 DE AGOSTO DE 2019  


Durante os días que estivemos nos Alpes Dolomitas, unha capa de nubes quedou ancorada as súas cimas, cubrindo en demasiadas ocasións as paredes e os picos, impedíndonos o disfrute pleno destas paisaxes magníficas. Aínda así, quedamos abraiados coa beleza destas montañas, comprendendo o porqué da sona que teñen entre turistas e alpinistas.
Os roteiros de montaña están ben atendidos e son moi populares, ao igual que as vias ferratas, unha actividade de montaña que mestura a escalada e o senderismo. Aquí están algunhas das mellores estacións de esquí de Europa, así que na tempada invernal os aloxamentos e servizos alcanzan prezos moi elevados.


Lago de Braies


A dolomía é un tipo de rocha caliza caracterizada por un elevado contido en carbonato de magnesio, o que lle confire unha grande dureza e resistencia á erosión. Esta característica é a responsable das vertixinosas paredes e afiadas agullas que se poden ver por doquier nesta cadea montañosa. Estas esbeltas torres de rocha contrastan co relevo suave que hai a media altura, onde mestos bosques de coníferas cubren os amplos vales.



As marmotas habitan nas pradeiras máis altas

Aos pés das montañas hai enormes acumulacións de escombros ─ghiaioni ou canchais─ resultado dos fenómenos periglaciais, polos que a conxelación e desconxelación da auga nas gretas das rochas actúa como unha cuña que acaba escachándoas ata facélas pó. A erosión da cordilleira semella ser violenta por momentos, e bloques do tamaño de casas caídos das cimas repousan ao seu pé.



As montañas son o corazón do territorio do Tirol, que pertenceu históricamente a Austria ata I Guerra Mundial. Tras a derrota austríaca no conflicto, a parte sur do Tirol pasou a ser italina (Trentino-Alto Adige), o que explica a presencia da lingua alemana e o aspecto pouco italiano de vilas e pobos.

A catedral de Bressanone

Rúa de Bolzano

Rúa de Bolzano

Val di Funes

Val de Funes

Asentamos a nosa base nun camping de Cortina d'Ampezzo, desde onde nos desprazamos para facer diferentes roteiros. O máis coñecido é o camiño que rodea as Tre Cime di Lavaredo, e que discurre a 2300 m de altitude pero sen salvar grandes desniveis, polo que fai accesible unha espectacular paisaxe de alta montaña a persoas sen grande forma física.

A cara norte das tres cimas

Amapola alpina (Papaver alpinum)

Outro sendeiro moi popular é o que sube ao Lago Sorapis, unha pequena masa de auga de cor turquesa rodeada por un impoñente circo de paredes verticais. Os pequenos glaciares de xeo que había no circo están prácticamente desaparecidos.




Rematamos esta viaxe en Trento ─ capital da rexión do Trentino ─, unha cidade cun pequeno casco antigo renacentista que conserva uns cuantos palazzos do medievo.

Piazza Duomo coa Torre Cívica do século XIII

Piazza Duomo

Casa Cazuffi

Palazzo Pretorio e Duomo de Trento

ETIQUETAS:

22 AO 27 DE AGOSTO DE 2019   Durante os días que estivemos nos Alpes Dolomitas, unha capa de nubes quedou ancorada as súas cimas, cu...

0 comentarios: