Venecia, capital da república

20 E 21 DE AGOSTO DE 2019  


Durante as semanas que viaxamos polo Adriático estivemos en moitas cidades e pobos que formaron parte da República de Venecia, que desapareceu como estado independente a finais do século XVIII tras ser conquistada por Napoleón. Agora chegamos á capital desta república, cuxa fama turística no presente eclipsa totalmente ese pasado de poderosa potencia.

O león alado, símbolo do poder de Venecia

O Arsenal, onde se construían os navíos da poderosa República

A lagoa de Venecia é unha grande marisma duns 500 km² situada no norte do Mar Adriático.Protexida do mar por unha estreita franxa de terra, o interior era unha zona pantanosa de auga salobre e poca profundidade. Cando o imperio romano sufriu as primeiras invasións bárbaras, a lagoa proporcionou protección natural á poboación da súa contorna.
Co paso dos séculos foise urbanizando o arquipélago de illas do centro da lagoa, dando lugar a unha cidade estado que expandiu a súa influencia por toda a costa do Adriático, chegando a Grecia, Creta e Chipre. O seu éxito baseouse no comercio marítimo, protexido por unha potente flota militar e un goberno intelixente que fixo da república un poder case invulnerable durante moitos séculos.
Desde o século XIX a cidade converteuse nun destino cultural e turístico, e a súa singularidade atrae a 25 millóns de visitantes cada ano.


A fascinación que exerce Venecia sobre eses millóns de persoas é ben merecida. O trazado urbano está determinado por unha densa rede de canles aos que se asoman edificios medievais e renacentistas.




Unha inmensa flota de embarcacións de todo tipo móvese polas canles desempeñando o papel do tráfico rodado das urbes sobre terra firme. Un laberinto de pontes, rúas e prazas acompañan a esta rede, por onde se moven únicamente peóns e pequenas carretas de man. A cidade é grande, e percorrela a pé supón camiñar cando menos dous días, que serán máis se incluimos outras illas cercanas como Murano e Burano.


Ambulancia acuática





A principal vía de Venecia é a Gran Canle, que co seu trazado en "S" divide a cidade en dúas partes ao longo dos seus 4 km de lonxitude. A ponte de Rialto, do século XV é a mais antiga que cruza a grande canle, e era a única ata ben entrado o século XX, cando se construiron dúas mais.


Ponte de Rialto


O medio de transporte mais importante de Venecia son os vaporetti, embarcacións que circulan polas canles de maior anchura collendo e deixando xente nos embarcadeiros que fan de parada, do mesmo xeito que os autobuses urbanos das nosas cidades. Tamén hai taxis e góndolas, pero polo seu prezo desorbitado son case uso exclusivo de turistas que buscan as experienicas máis tópicas.

Vaporetto pola Gran Canle

Taxi acuático


Nalgúns puntos da Gran Canle todavía quedan algúns traghetti, que non son mais que góndolas sen ornamentar que permiten cruzar a Gran Canle por un par de euros sen ter que dar un enorme rodeo a pé para pasar por algunha das catro pontes.

Cruzando a Gran Canle nun traghetto


O gran monumento da cidade é a Basílica de San Marcos, que cerra un dos laterais da animada praza homónima. Foi construída no século XI en estilo bizantino, polo que o seu aspecto é moi exótico, e usáronse materiais luxosos que os comerciantes venecianos traían dos lonxanos territorios que visitaban. A fachada principal e o seu interior estaban cubertos con preciosos mosaicos bizantinos do século XII que, por unha cuestión de moda, foron substituidos no século XIX por outros de nula calidade artística, perdéndose dous tercios das obras orixinais.





Piazzeta de San Marco, co palacio ducal a esquerda, vista desde a Basílica


Outras pezas ornamentais da basílica, como os catro cabalos de bronce que adornaban a fachada, foron traídas como botín tras o saqueo cruzado de Constantinopla, que era daquela a maior cidade cristián do mundo.

Réplicas dos cabalos de Constantinopla. Os orixinais expóñense no interior da Basílica


Escultura dos tetrarcas, traída de Constantinopla ao igual que os pilares

Para nós, que viñemos aquí a mediados de agosto, foi unha sorpresa atopar aloxamento a bo prezo e pasear tranquilamente pola maior parte da cidade. Só sentimos o agobio das aglomeracións nos arredores da praza de San Marcos, o que nos fixo pensar que moitos destes visitantes teñen un interese moi superficial. É un pouco triste esa falta de curiosidade por ver que hai máis alá deses espazos tan concurridos, pois toda a cidade está chea de rincóns realmente preciosos onde non é raro quedar só.



Astilleiro de góndolas

ETIQUETAS:

20 E 21 DE AGOSTO DE 2019   Durante as semanas que viaxamos polo Adriático estivemos en moitas cidades e pobos que formaron parte da ...

0 comentarios: