As montañas do Bierzo

27, 28 E 29 DE DECEMBRO DE 2019  


Esta visita levaba planificada moito tempo, pero a meteoroloxia fixo inviable ir durante o outono. O anticiclón de final de ano dounos por fin unha oportunidade de sair da casa, así que collimos a roupa de abrigo e marchamos ao Bierzo a camiñar.

A néboa e o frío acompañáronnos nesta viaxe

Comezamos nas Médulas, un lugar incrible que é o resultado da radical modificación do terreo por parte dos romanos hai 2000 anos. Tras conquistar o noroeste da península, chamoulles a atención a presencia de ouro no interior destas montañas. Estableceron unha explotación a grande escala coa que lograron extraer uns 5000 kg de ouro durante os 200 anos que estivo operativa. As montañas están formadas por unha mestura de materiais arxilosos e conglomerados, e o estrato máis rico en ouro estaba na parte inferior, polo que os enxeñeiros romanos idearon un método para derrumbar as capas superiores e explotar o filón que quedaba debaixo.


O sistema, coñecido como ruina montium, usaba inxentes cantidades de auga que traían canalizada desde as montañas veciñas. Esta auga era introducida en galerías cegas excavadas no interior da montaña ata que esta se derrumbaba. O mesmo fluxo hidráulico valía para arrastrar os materiais e separar a fracción máis rica en ouro.


O que vemos hoxe nas Médulas son os restos desta gran mina a ceo aberto, convertidos nun labirinto de pináculos e montañas de terra nos que medra un bonito bosque caducifolio de castiñeiros, carballos e aciñeiras. Tamén se poden ver algunhas galerías e canles, así como diferentes depósitos de materiais da explotación, que chegaron a bloquear o curso da auga dando lugar ao lago de Carucedo.
Hai varios sendeiros que percorren este monumento cultural, un mirador ao que se pode chegar en coche e unha galería visitable, ofrecendo diferentes perspectivas desta antiga mina.




Ao día seguinte fixemos un longo roteiro circular polos Montes Aquilianos, pasando polas remotas aldeas de Montes de Valdueza e Peñalba de Santiago. Esta última, declarada Ben de Interés Cultural, é unha bonita aldea de montaña moi ben restaurada que conta ademais cunha igrexa mozárabe do século X. Gran parte do roteiro discorre sobre a antiga canle romana que, partindo de Peñalba e tras percorrer 50 km, levaba auga ata as Médulas.

Montes de Valdueza

Canle romana que levaba auga ás Médulas

Peñalba de Santiago


Igrexa mozárabe de Peñalba



Val do Silencio

A última xornada desta pequena viaxe comezou no mosteiro de Santa María de Carracedo, que iniciou a súa longa historia no século X e tras pasar por diversas fases de esplendor e decadencia caeu na ruina tras a desamortización de Mendizábal. Na década dos 90 as ruinas foron restauradas e agora acollen un museo sobre a súa historia.





Tras unha parada en Villafranca del Bierzo, dirixímonos ao faiedo de Busmayor, situado no fondo dun precioso val, colindante co val de Visuña do Caurel. Fixemos un pequeno paseo coas últimas luces do día, acompañados polo frío e a auga, que enchoupaba boa parte do camiño. O ideal tería sido vir durante a primavera ou o outono, para disfrutar das variadas cores da vexetación, así que non queda outra que repetir a visita.

Villafranca del Bierzo



ETIQUETAS:

27, 28 E 29 DE DECEMBRO DE 2019   Esta visita levaba planificada moito tempo, pero a meteoroloxia fixo inviable ir durante o outono. ...

0 comentarios: