As Bardenas Reales, Uxue e Olite

24 DE XULLO DE 2020  


Fai máis de 20 millóns de anos, durante o terciario, o choque entre a placa ibérica e a europea produciu varios fenómenos xeolóxicos que deron lugar ás diferentes paisaxes que se ven neste rincón da península. Por unha parte, a colisión dou lugar ás cordilleiras pirenaica e ibérica, ademáis das serras catalanas. Por outra, estas montañas pecharon o mar que ata ese momento separaba ambas placas, formándose unha zona de lagos e pantanos onde hoxe está o val do Ebro. Os sedimentos arrastrados pola forte erosión foron acumulándose nesta cunca endorreica (sen saída ao mar) e alcanzaron espesores de 4000 m, transformándose co tempo en rochas como conglomerados, areíscas, margas e calizas. Hai uns 10 millóns de anos o Ebro conseguiu abrirse camiño a través das Serras Catalanas ata o Mediterráneo e iniciouse a erosión e transporte destas rochas sedimentarias, proceso que continúa na actualidade.




As Bardenas Reales conforman unha paisaxe semidesértica onde o terreo está formado por unha sucesión de capas horizontais de rochas de diferente dureza, que dan lugar a espectaculares fenómenos de erosión diferencial. As Bardenas son hoxe un parque natural no que se pode facer un cómodo percorrido en coche por pista de terra.




Tras pasar unha mañán nas Bardenas, dirixímonos a Uxue, unha vila medieval situada nun pequeno alto e na que destaca a voluminosa silueta da igrexa-fortaleza que hai na cima. Á igrexa é do século XI, pero reformouse en estilo gótico no século XIV, momento no que tamén se fortificou. É curioso ver cómo a cabeceira da igrexa, cos seus ábsides románicos, só é accesible desde o paseo de ronda da muralla.
Tal como lle sucedeu ao castelo de Javier, tras a conquista de Navarra por parte de Castela e Aragón, o cardenal Cisneros ordenou demoler a fortaleza existente en Uxue e as únicas torres que quedaron en pé foron as dúas que estaban integradas na igrexa.





Finalizamos o día en Olite, unha animada vila medieval cuxo Palacio Real é o monumento máis visitado da comunidade navarra. Este palacio, construído entre os séculos XIV e XV, era, segundo as fontes da época, un dos máis luxosos de Europa e contaba con numerosas torres, xardíns colgantes e magníficas decoracións. Foi sede da corte navarra ata a súa incorporación a Castela en 1512, momento no que comezou o seu deterioro.


O primeiro que ven á cabeza ao ver o Palacio Real de Olite é que nos atopamos ante un castelo de conto, e é fácil imaxinar a fastuosa vida cortesana que albergaba. Pero tras os primeiros momentos de fascinación, chegan as sospeitas: parécese demasiado a fantasía que todos temos sobre o que debe ser un castelo medieval. 




As torrecillas con teitos cónicos de pizarra fannos pensar inmediatamente en Carcasonne e outros moitos lugares e monumentos franceses, restaurados con escaso rigor histórico durante o século XIX. Por desgraza, tamén o palacio de Olite sufriu unha restauración deste tipo no século XX, onde primou a estética por riba da autenticidade.
Aínda así, disfrutamos a visita, pois o castelo é precioso e conserva moitas partes orixinais. Ademáis, o resto da vila de Olite non ten desperdicio. Ao pé da muralla, unha grande cúpula en forma de ovo cubre un pozo de 8 m de profundidade onde se almacenaba o xeo que se conservaba durante todo o verán.


Adosada ao castelo está a igrexa gótica de Santa María a Real, cunha portada na que se recuperou a policromía orixinal, que fai as esceas representadas moi realistas. Era utilizada pola corte navarra nas cerimonias de maior importancia.




ETIQUETAS:

24 DE XULLO DE 2020   Fai máis de 20 millóns de anos, durante o terciario, o choque entre a placa ibérica e a europea produciu vario...

0 comentarios: