La Rioja e os seus monasterios

16  DE XULLO DE 2020 


Para desprazarnos de Soria a La Rioja cruzamos a Sierra Cebollera, a través de bonitas paisaxes de montaña que non esperabamos ver nesta comunidade autónoma, pois na súa maior parte a xeografía rioxana é unha chaira levemente ondulada e adicada ao cultivo da vid e dos cereais.

Chegamos a Nájera, capital do reino de Navarra durante algo máis de 100 anos ata que a finais do século XI o reino de Castela anexionouse o territorio que hoxe é La Rioja. Os reis navarros que estableceron a capital do seu reino nesta vila promoveron o asentamento de novos poboadores, o Camiño de Santiago e a fundación de mosteiros como Santa María la Real e San Millán de la Cogolla.

O primeiro, sito na mesma vila de Nájera, foi reconstruido en estilo gótico e perdeu todos os elementos románicos que tiña na súa orixe, aínda que ten un claustro con bonitas tracerías platerescas.



O mosteiro de San Millán de la Cogolla, moito máis afamado, está na serra da Demanda e comezou como lugar de peregrinación para venerar a San Emiliano (ou Millán), un ermitaño que vivía nunha cova e ao que lle atribuían moitas miragres. No século VI construiuse a primeira ermita, de estilo visigótico, que foi ampliada primeiro en estilo mozárabe e logo románico.



A mediados do século XI o mosteiro fíxose pequeno para a comunidade de monxes, e houbo que trasladalo a un novo edificio situado no val, a uns quilómetros do primeiro. Os mosteiros comezaron a coñecerse como Suso e Yuso, respectivamente, nomes que derivan das palabras latinas que significan "arriba" e "abaixo".


O edificio actual do novo mosteiro de Yuso data dos séculos XVI e XVII e non se conserva nada da súa orixe románica. A pesar disto, resulta interesante facer a visita guiada na que nos levan por diferentes estancias, entre as que destaca a luminosa sacristía barroca, a biblioteca de cantorais (enormes libros do século XVIII usados polo coro de monxes para cantar) e a pequena sala na que se expoñen os relicarios románicos de marfil tallado de San Millán e San Félix.





Outra das razóns da sona do mosteiro de San Millán é o seu patrimonio lingüístico. A finais do século X ou principios do século XI, un monxe de San Millán fixo unhas cen anotacións en lingua romance na marxe e entreliñas dun códice en latín. Estas anotacións, coñecidas como Glosas Emilianenses, considéranse o primeiro texto escrito en lingua castelá cunha gramática propia. No mesmo códice, e escritas polo mesmo monxe, aparecen tamén as primeiras anotacións coñecidas en euskera.

Esta breve estancia en La Rioja finalizou en Sajazarra, unha vila que conta cun castelo tardomedieval ben conservado e que hoxe é propiedade dunha bodega que non o ten aberto ao público.


ETIQUETAS:

16  DE XULLO DE 2020  Para desprazarnos de Soria a La Rioja cruzamos a Sierra Cebollera, a través de bonitas paisaxes de montaña que n...

0 comentarios: