Mallos de Riglos e Castelo de Loarre

25 DE XULLO DE 2020  


En varios puntos de Huesca pódense ver os mallos, formacións xeolóxicas facilmente recoñecibles na paisaxe como paredes rochosas de formas redondeadas e cores alaranxadas. A súa orixe está na erosión sufrida pola cordilleira pirenaica desde que empezou o seu levantamento. Os materiais máis grandes e pesados transportados polos ríos foron depositados aos pés da incipiente cordilleira, acumulando centenares de metros de espesor durante millóns de anos e formando conglomerados. Cando o Ebro atopou a saída ao mar, a erosión actuou sobre estas rochas e dou lugar as formas que se poden ver hoxe. Considérase que os mallos marcan a fronteira entre a cordilleira pirenaica e a cunca do Ebro.



Os mallos máis coñecidos son os de Riglos, unha pequena aldea situada ao pé destas grandes paredes. O lugar é un destino querido por escaladores, que poden botar días para trepar por algunha das vías máis esixentes.


Dous escaladores ascendendo un mallo

Moi preto de alí está o castelo de Loarre, probablemente o máis interesante e bonito que vimos nesta viaxe. Construido a principios do século XI, o seu bo estado de conservación fai que sexa un dos mellores exemplos de arquitectura militar e civil do románico de España. Está situado nun promontorio rochoso e a súa función inicial foi a de vixiancia e defensa dos reinos cristiáns ante os musulmáns.
  



Pouco despois foi ampliado cun mosteiro, engadindo unha función relixiosa á militar. Esta segunda fase é dunha calidade contructiva abraiante, como se pode ver no desafiante emprazamento da igrexa, a precisión coa que se constrúen os muros e arcos e a amplitude e luminosidade do interior do templo.





Ventás de alabastro

Este alarde de maestría alcanza a súa máxima expresión coa cúpula semiesférica que coroa a igrexa, algo que é moi raro na arquitectura románica, que normalmente cubre as súas igrexas con bóvedas semicilíndricas ─bóveda de canón─.


O taqueado jaqués, ese friso axedrezado que se repite en moitísimas igrexas románicas do Camiño de Santiago, aparece aquí por doquier, o que non debería sorprendernos pois Jaca está a 30 km de distancia.



ETIQUETAS:

25 DE XULLO DE 2020   En varios puntos de Huesca pódense ver os mallos, formacións xeolóxicas facilmente recoñecibles na paisaxe como parede...

0 comentarios: