Soria, polas terras de Berlanga

15 DE XULLO DE 2020  


Nos séculos X e XI esta comarca de Soria, coñecida como Terras de Berlanga, quedaba na liña de fronteira entre o califato de Córdoba e os reinos cristiáns. Cando estes últimos conquistaron definitivamente a rexión, as terras de Berlanga pasaron a estar na fronteira entre os reinos de Castela e de Aragón, polo que continuou sendo un lugar de conflicto entre as grandes potencias do momento.
Son testemuña deste pasado as abundantes fortalezas militares, atalaias e vilas amuralladas, insertas nunha paisaxe de campos de cereal e mato baixo interrompidos polas características mesas, que son cerros de cima plana. As poucas árbores que dan algo de sombra acompañan ao Douro e os seus afluentes.



O mellor exemplo de fortaleza califal da península ibérica é a de Gormaz, que no século X chegou a ser a maior fortaleza de Europa. A muralla, cun perímetro de 1200 m, consérvase bastante ben, e no interior quedan restos dalgunha torre e outras edificacións. Destaca a porta principal, de clara orixe islámica, que conserva a súa grandiosidade mil anos despois de ser feita.





No século X o castelo era un lugar crucial na defensa do territorio musulmán, e os exércitos dos reinos cristiáns tentaron tomalo varias veces, cousa que non lograrían ata o ano 1060. Un par de décadas máis tarde, o Cid foi nomeado señor de Gormaz.

Outras testemuñas do caracter fronteirizo desta terra son as numerosas atalaias musulmanas, repartidas de forma estratéxica para vixiar o territorio, manter unha liña visual continua entre elas e poder mandar avisos ás fortalezas cercanas.




A partir do século XI a rexión queda definitivamente en mans do reino de Castela e faise un importante esforzo para asentar nova poboación nunhas terras que levaban centos de anos case deshabitadas. Moitos dos primeiros poboadores eran mozárabes vidos do sur, que eran cristiáns que vivían en territorio islámico e asumiron parte da cultura e costumes dos árabes. Estes habitantes mozárabes construiron ermitas e igrexas cun estilo propio de clara inspiración islámica, e non deixa de ser sorprendente ver edificios católicos que semellan máis ben unha mezquita.

Un sensacional exemplo é a ermita de San Baudelio, que tras un exterior anodino esconde unha das xoias da arte mozárabe en España. Sorprende moito a estrana arquitectura, cunha columna central que recorda a unha palmeira e un bosque de columnas con arcos de ferradura que sosteñen o coro.



O estilo das pinturas que adornan os muros e a temática tamén son como de outro lugar, pois poden apreciarse un gran dromedario, un elefante e un oso. Realmente destas figuras só se conserva unha leve silueta, pois a principios do século XX a maioría das pinturas murais foron vendidas e acabaron en museos estadounidenses como o MET de Nova York, aínda que posteriormente algunhas delas foron canxeadas por un ábside románico de Burgos e están expostas no museo do Prado.




Terras de Berlanga atesoura ademáis numerosas igrexas románicas en pobos medievais nos que resulta evidente a despoboación que ameaza ao rural soriano. A comarca perdeu o 80% da súa pobación desde os anos 50 do século pasado.

Igrexa de Caltojar

O centro da comarca é a vila de Berlanga de Duero, que ten unha espectacular fortaleza que non puidemos visitar por estar en obras de restauración.




Unha personaxe ilustre desta vila foi Frai Tomás de Berlanga, que descubriu accidentalmente as Illas Galápagos mentras tentaba chegar a Lima para mediar nunha disputa entre Francisco Pizarro e Diego de Almagro.


ETIQUETAS:

15 DE XULLO DE 2020   Nos séculos X e XI esta comarca de Soria, coñecida como Terras de Berlanga, quedaba na liña de fronteira entre o...

0 comentarios: