Mirando a cordilleira pirenaica en Añisclo e Plan
28 DE XULLO DE 2020
Nos últimos días padecimos unhas temperaturas demasiado altas que nos obrigaron a buscar a sombra nas horas centrais do día, limitando as nosas saídas ás primeiras horas da mañán e ás últimas da tarde.
Con este panorama pensamos que movernos cara a alta montaña era unha forma de evitar a calor insoportable, así que marchamos para o camping de Añisclo, no borde do Parque Nacional de Ordesa.
Con este panorama pensamos que movernos cara a alta montaña era unha forma de evitar a calor insoportable, así que marchamos para o camping de Añisclo, no borde do Parque Nacional de Ordesa.
Na mañán demos sendos paseos a pé e en coche pola parte máis accesible do Canón de Añisclo, un dos catro vales que serven de entrada ao macizo do Monte Perdido. Este estreito canón é como unha fenda que corta as montañas de norte a sur.
Xa estivemos en anteriores ocasións neste val, e os roteiros que pagan a pena esixen camiñar moitas horas, pasar por lugares expostos ─posibilidade de caída mortal─ e durmir en alta montaña, e non tíñamos ganas de tanta aventura, así que deixamos o mellor de Añisclo para outra ocasión.
Ao mediodía o sol continuaba implacable; non nos quedou outra que resgardarnos á sombra no cámping. Ao final da tarde fumos en coche ata o Ibón de Plan, e tras circular durante unha hora por unha pista de terra que ascendía á montaña, chegamos a un dos lugares máis bonitos que vimos nesta viaxe. Ibón é a palabra usada en Aragón para os lagos de orixe glaciar, que se forman pola sobreexcavación do xeo na base do circo glaciar e polo represamento das augas polas morrenas do frente. Este ibón está rodeado polas paredes verticais que compoñen o circo, onde se acumulaba a neve que alimentaba o glaciar que dou forma a este val.
0 comentarios: