Os templos megalíticos de Malta

DO 7 AO 12 DE XULLO DE 2021  


Alguén que non afondase moito pensaría que en Malta non hai máis que sol, praia, festa e estudantes de inglés. Pero para nós, a principal motivación que nos trouxo a este minúsculo país ─ que ocupa unha centésima parte da superficie de Galicia ─ foi a arqueoloxía.
A historia comeza arredor do ano 5000 a. C., cando un grupo de agricultores e gandeiros procedentes de Sicilia instalouse no pequeno arquipélago maltés. Tras moitos séculos, desenvolveron unha cultura propia que se manifestou no levantamento duns monumentais edificios de pedra.

Templo de Ħaġar Qim

As construccións megalíticas máis antigas de Malta datan do ano 3600 a. C. e foron ampliadas en diferentes fases, sendo a última do 2400 a. C. A partir dese momento esta poboación neolítica desaparece por causas descoñecidas, aínda que se barallan hipóteses como unha sequía prolongada ou o esgotamento de recursos.

Templo de Mnajdra

Desde que foron descubertas, a estas estructuras se lles chamou templos, pois aínda que non se pode coñecer o uso que lles daban, non hai dúbida de que a súa función principal era servir para rituais comunitarios moi cargados de simbolismo.

Templo de Ħaġar Qim

Templo de Mnajdra

Os templos están formados por un corredor central que conecta varias cámaras. As paredes están feitas con grandes bloques de pedra - de ata 50 toneladas - e hai diferentes tipos de entradas, portas e pasos para acceder ás estancias. Aínda que non se conserva ningún teito, sábese que estaban cubertos por falsas cúpulas de pedra. Os seus constructores non coñecían os metais, polo que tan só empregaron ferramentas de pedra e óso.

Templo de Tarxien

Templo de Mnajdra

Templo de Ħaġar Qim

Unha construcción moi especial é o Hipoxeo de Ħal Saflieni, que comparte cos anteriores o mesmo estilo arquitectónico, pero que está tallado no subsolo rochoso imitando as formas dos templos. Usouse durante uns 1200 anos como cemiterio para depositar os corpos de miles de persoas. É o único espacio funerario que se coñece desta cultura, xa que nos templos da superficie non se atopou ningún indicio de enterramento. As primeiras salas deste complexo subterráneo excaváronse no 3600 a. C. e foise afondando en sucesivas fases ata o ano 2400 a. C. 

Maqueta do Hipoxeo

A visita ao Hipoxeo é do mellor que se pode facer en Malta - hai que reservar con bastante antelación - pero está prohibido sacar fotos, así que as que poñemos son de principios do século XX, sendo as únicas que hai de dominio público.




A decoración dos templos e as esculturas e figuras que se atoparon neles son moi elaboradas e evidencian o sofisticado nivel cultural deste pobo. O máis salientable son as numerosas pezas atopadas dunha figura humana obesa, cunha vestimenta e apariencia moi particular e que a maioría das veces non queda claro se é home ou muller.





Varios museos e centros de interpretación acollen estas figuras xunto con grandes pedras decoradas procedentes dos templos, que tiveron que ser substituídas por réplicas debido ao rápido deterioro sufrido nos apenas cen anos que os xacementos levan á intemperie. Hai 10 anos instaláronse unhas enormes carpas para protexelos da chuvia, o sol e o vento.

Templo de Tarxien

Templo de Tarxien

Debido a súa singularidade, antigüedade e grao de conservación os templos megalíticos de Malta foron declarados Patrimonio da Humanidade.
ETIQUETAS:

DO 7 AO 12 DE XULLO DE 2021   Alguén que non afondase moito pensaría que en Malta non hai máis que sol, praia, festa e estudantes de inglés...

0 comentarios: